«A maioría dos apelidos en Galicia son toponímicos»

A profesora vén de publicar «Enredando cos antropónimos»


santiago / la voz

Doutora en Filoloxía Galega e licenciada en Románica pola Universidade de Santiago, Xulia Marqués Valea é toda unha experta en nomes. Xa sexan topónimos, como os antropónimos, que son o obxecto do seu último traballo, Enredando nos antropónimos (Edicións Galebook), que onte presentou na Biblioteca Ánxel Casal.

-¿Como se enreda nos antropónimos?

-Pois de moitas maneiras. O libro pretende explicar dun xeito didáctico o que son nomes propios, apelidos, hipocorísticos e alcumes. Todo elo para nenos de Primaria, entre sete e doce anos. Ten unha parte moi divulgativa, moi alixeirada en contidos, que é o que compón o libro do neno, e despois hai un cedé que é a referencia para o profesor e onde están os contidos máis desenvoltos. Tamén incorpora enderezos a onde ir para galeguizar o nome ou recuperar o apelido na súa forma orixinaria.

-Nomes e apelidos teñen un significado e unha historia...

-Claro. Non é so o propio nome, senón o que está regularizado, o que significa, a listaxe de hipocorísticos que ten detrás, agrupamentos por procedencias... Serve para que na aula, un neno saiba de onde vén o seu nome ou seu apelido, se é correcto ou non, a onde poden ir para reformalo, a historia de como se formou un apelido...

-¿Bautízase agora mais en galego que antes?

-Si, hai unha tendencia á alza. No libro hai unha referencia a historia evolutiva que publicou o Observatorio da Cultura Galega na que se manifesta que hai unha tendencia á progresión en canto ao uso. Mais necesita un empurronciño, porque na toponimia témolo regularizado oficialmente, o galego é a forma oficial, pero a nivel persoal non e difundir a posibilidade de regularizalo é importante.

-¿Os apelidos galegos fan moita referencia á terra, non?

-Si. En Galicia os apelidos son de tres tipos. Os rematados en ez ou oz, que en realidade significa o fillo de. Fernández era o fillo de Fernando. Son os patronímicos, pero a maioría dos apelidos en Galicia son toponímicos. Xan do Casal, que era o seu lugar de procedencia, remata sendo Xan Casal. E logo están os que proceden de alcumes, como Gago, Tato ou Caamaño, e tamén hai outros que proceden de profesións.. A USC está facendo o dicionario dos apelidos, que faltábanos.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos

«A maioría dos apelidos en Galicia son toponímicos»