Os Premios da Cultura distinguen a Bodaño e Quintana Martelo

Camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Miguel Anxo Fernández, crítico de La Voz, obtén o de Creación Audiovisual

20 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Sete premios para sete premiados. A Consellería de Cultura e Educación fixo pública a resolución do xurado dos Premios da Cultura Galega de 2012. Os premiados foron Salvador García Bodaño na categoría das Letras; Manuel Quintana Martelo na modalidade das Artes Plásticas; o grupo de teatro Airiños (Rianxo) na das Artes Escénicas; a Fundación Eduardo Pondal en Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural; a Asociación Internacional Estudos Galegos en Promoción Cultural de Galicia; Manuel Rodeiro en Música; e Miguel Anxo Fernández no apartado de Creación Audiovisual.

Como xurado destes premios que teñen como obxectivo recoñecer o labor de persoas e institucións en distintos ámbitos do sector cultural, o tribunal estivo formado este ano por representantes das principais institucións culturais do país, neste caso polo presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long; Francisco Díaz Fierros, en representación do Consello da Cultura Galega; Xosé Henrique Coas González e Goretti Sanmartín Rei, en representación das universidades de Vigo e da Coruña, respectivamente; e Ramón Yzquierdo Perrín, en representación da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. Ademais, participaron o escritor Luís González Tosar, o artista Antón Pulido, o editor e escritor Henrique Alvarellos e a produtora de cine Fernanda del Nido.

A xustificación dos sete premios salienta a calidade literaria de Salvador García Bodaño como un dos máximos expoñentes da xeración dos 50.

O premio de Artes Plásticas recaeu en Manuel Quintana Martelo, de quen destacaron «o compromiso coa pintura e a implicación en diversos proxectos para ampliar a presenza das artes plásticas galegas».

No apartado de Artes Escénicas a elección do xurado recaeu no grupo de teatro Airiños, de Rianxo, unha agrupación de teatro afeccionado fundada en 1933 e que é a de máis longa traxectoria de Galicia.

O galardón destinado a recoñecer iniciativas a favor do patrimonio cultural foi concedido á Fundación Eduardo Pondal pola súa «ampla e constante programación arredor das letras galegas».

Na promoción cultural de Galicia foi distinguida a Asociación Internacional de Estudos Galegos por «difundir por todo o mundo a lingua e a cultura galega» especialmente no ámbito académico e universitario.

Manuel Rodeiro foi o escollido no apartado de Música destes premios, neste caso polo seu «labor de referencia na creación sonora contemporánea» tanto como fundador de editoriais musicais e de conxuntos de cámaras.

No apartado de Creación Audiovisual o premio recaeu este ano en Miguel Anxo Fernández, crítico cinematográfico de La Voz de Galicia desde hai máis de trinta anos. O xurado recoñeceu o seu labor como crítico, como escritor e como autor de numerosos estudos sobre cinematografía. Tamén se lle recoñece con este galardón a posta en marcha de iniciativas para a promoción do cine galego.

premios da cultura galega os galardoados

Audiovisual

Crítico de La Voz e impulsor de Audiovisual nas Aulas.

Artes Plásticas

Máis de trinta anos de pintura hiperrealista.

Letras

Unha das voces poéticas definitivas da xeración dos anos 50.

Promoción

Asociación dedicada a difundir os estudos e a lingua galega no mundo.

Artes Escénicas

O grupo de teatro afeccionado máis antigo de Galicia, fundado en 1933.

Cultura Galega

Fundación de autor que promove a obra e a figura do autor do himno de Galicia.

Música

Fundador do grupo Cámara XXI e compositor.