O turismo toma o relevo do urbanismo nos cursos de verán da universidade

Cristina Abelleira CARBALLO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

De martes a venres debateranse os retos para a xestión do sector

08 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Despois dunha interesante semana dedicada a planificar o Carballo do futuro dende o punto de vista do urbanismo, o Fórum vai acoller un novo curso de verán da Universidade da Coruña que traerá propostas de actuación, desta volta sobre A evolución do turismo no marco da sociedade global: retos para a súa planificación e xestión. Será de martes a venres, pero aínda mañá, ata as 14.00 horas, está aberto o prazo para o inscrición para os que decidan sumarse a última hora. Poderán facelo a través da páxina www.udc.es/occ ou no teléfono 981 167 000 (extensión 1963).

A primeira xornada estará centrada na innovación tecnolóxica e as TICs ao servizo dos destinos e produtos turísticos, dos que falarán Alfredo Ouro Villaraviz, de Esade; Manuel Gago Mariño, da USC; José Ramón García Guinarte, xerente da Mancomunidade de Municipios de O Salnés; Manuel Pan, de Aptcm; Noelia Pérez e Keina González, responsables de www.sientegalicia.com e Jacobo Chouza e Ángela Rodríguez, de www.buydeal.es.

As conferencias do mércores tratarán sobre dirección, planificación e promoción de destinos e produtos turísticos. Os asistentes coñecerán de preto iniciativas en marcha e poderán participar nunha mesa redonda sobre saídas profesionais e inserción laboral dos graduados e posgraduados en turismo.

A xestión en destinos emerxentes: creatividade e novos produtos turísticos é o título xeral da xornada matinal do xoves, na que se porán sobre a mesa experiencias pioneiras e de éxito, mentres que a tarde centrarase en A xestión en destinos maduros: competitividade, xestión e adaptacións aos cambios.

O venres, dedicado á análise estratéxica do sector turístico en Galicia, a conferencia de Rubén Lois e María del Mar Rodríguez completarase con actividades de ocio, degustación de produtos típicos de Bergantiños e a clausura, coa entrega de diplomas.

18, 19 e 20 de xullo

O curso, xa clásico, centrarase nesta oitava edición na xustiza social e a normalización da lingua galega. O prazo de inscrición está aberto ata o día 12 a través da páxina www.udc.es.