O Concello retira o apoio para o Correlingua do 7 de maio

Xustifica a decisión por problemas económicos e discrepar do manifesto

la voz

?

O Concello de Santiago retira este ano o apoio que concedía para organizar a Correlingua, a proba deportiva de promoción do idioma, programada este ano o día 7 de maio na cidade.

O edil de Cultura e Educación, Ángel Currás, afirma que xa lle comunicou hai unhas semanas á organización que este ano non se pode soster a axuda económica de 4.250 euros que se lles outorgaba, polos recortes orzamentarios e por existir outras prioridades. Días despois reiterou a negativa e acrecentou o desacordo co texto do manifesto, que valora «moi desafortunado». Currás indica que «en modo algún» o Concello colaborará con esa iniciativa, por discrepar con ese manifesto, elaborado por alumnado de cuarto curso de secundaria do CPI de Pontecesures. Porén «se queren celebrar a proba terán que solicitar permiso ao departamento de Tráfico e Seguridade», afirma.

Sorpresa da organización

Xepe Torres, da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de Santiago e comarca, e Marcos Maceira, da Mesa pola Normalización Lingüística, como representantes da organización da proba, admiten que Currás lles avanzou que non había dispoñibilidade económica, aínda que si lles prometeu axuda para ceder, instalar e retirar un palco. Días despois comunicou a negativa a calquera axuda, de se non retirar o manifesto.

«Entendemos as dificultades económicas. O que nos desgusta é que o Concello de Santiago, pioneiro na organización do Correlingua, se desentenda desa maneira, e que exerza a censura dun texto elaborado por alumnado de secundaria que evoca un poema de Celso Emilio Ferreiro, neste ano ano que se homenaxea este poeta», afirma Torres. «A Coordinadora mantemos a dispoñibilidade a colaborar co Concello, aínda que non comprendemos que a capital do país, que debía abandeirar a defensa da lingua, teña este actitude», acrecenta Torres.

Alegría de Galicia Bilingüe

A asociación Galicia Bilingüe manifesta a súa alegría por esta decisión nunha carta que envía ao alcalde, Conde Roa, e valora que cumpriu o que lles tiña prometido en decembro.

Votación
18 votos

O Concello retira o apoio para o Correlingua do 7 de maio