Adeus ao patrón de Galicia

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

XOÁN A. SOLER

Díaz Pardo foi enterrado ao pé de Valle-Inclán, Fraguas e Aguirre

07 ene 2012 . Actualizado a las 12:51 h.

Foi Xesús Alonso Montero quen definiu como queda Galicia tras a desaparición de Isaac Díaz Pardo: «Queda o barco sen patrón, quedamos os mariñeiros pero marcha o patrón de Galicia». Foi o último dos intentos de describir a importancia de Isaac Díaz Pardo, para quen, ao longo do día de onte, non houbo afagos suficientes, nin para el nin para a súa obra.

O cemiterio de Santiago deixoulle a Díaz Pardo un lugar especial, cerca da entrada, próximo a unha árbore e con compañía doutros composteláns ilustres. Díaz Pardo ten á esquerda a Aurelio Aguirre, á dereita a Antón Fraguas, e un pouco máis alá, pero non moito, a floreada tumba de Ramón María del Valle-Inclán.

O velorio que se celebrou de mañá no Museo do Pobo Galego non restou afluencia ao enterro e no centro do xentío Xosé Neira Vilas falou primeiro da dimensión pública de Díaz Pardo e lembrouno desde os seus ollos «inquedos e tenros, grandes como os ollos que pintaba nos seus personaxes». Neira Vilas fantaseou sobre o que o desaparecido empresario diría ao ver toda a xente en Boisaca: «¿Que facedes aquí? Isto xa rematou».

Pero Neira Vilas considerou lóxico estar aí, aínda que nunca pensou «ter que falar no enterro de Díaz Pardo». O escritor lembrou logo a relación que uniu a quen escribía e quen publicaba unha parte dos seus libros, «incluso algúns deles ilustrados por Díaz Pardo».

Un xigante

Xesús Alonso Montero recordou a dimensión «xigante» de quen «renunciou a ser pintor pero non deixou de crear». O profesor quixo ir alén na dimensión de Díaz Pardo: «Din ben os que din que foi importante para Galicia, pero a súa dimensión non era só galega, foi un home único en Europa e no mundo, un home que quixo facer un mundo máis xusto, empezando por Galicia». Alonso Montero lembrou tamén a súa decisiva contribución á recuperación da memoria de Galicia, «cunha biblioteca que é importante para Galicia, pero tamén para España, una biblioteca da memoria única no mundo».

O profesor sinalou asemade que foi empresario igualmente atípico porque «non quixo empregar as plusvalías en fundar campos de golf ou nas vacacións, decidiu utilizar as plusvalías en Galicia». Para Alonso, «Isaac sempre quixo ser singular, facer as cousas ao seu xeito».