«A animación á lectura é un laboratorio moi atractivo»

m. beceiro

SANTIAGO CIUDAD

O impulsor da campaña, que contará con cinco mil nenos, destaca a consolidación deste «campo de experimentación»

12 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Fai once anos, Xosé Ballesteros impulsou, xunto coa concellería de Educación, o nacemento da Campaña Municipal de Animación á Lectura que, ano tras ano, foi consolidándose como un dos eventos máis participativos e do que xurdiu o Premio Internacional Compostela de Ilustración. O luns arrancará a décimo primeira campaña, que se prolongará ata o 14 de marzo, agardando a asistencia de más de 5.000 nenos e nenas de Santiago e bisbarra.

-¿Por que Kalandraka, con sede en Madrid e Pontevedra, decidiu impulsar este proxecto en Compostela?

-Porque se xuntaron dúas vontades: a institucional, do departamento de Educación, e a de Kalandraka, de poder actuar directamente tamén nunha cidade. Eu creo que desde entón estamos na mesma sintonía e coincidimos nos obxectivos, que son, fundamentalmente, axudar a ler. E para nós, como editorial que, ademais de face libros, sabíamos facer actividades de animación á lectura, era un laboratorio moi atractivo. E agora, non é so un laboratorio, senón un campo de experimentación que vai callando.

-¿Algún daqueles nenos de fai once anos destaca hoxe na escritura?

-Aínda son moi novos. Pero facemos uns seguimentos deses concursos que convoca o departamento de Educación, e aí percíbese que hai calidade literaria. Pasarán os anos e veremos que algún deles converterase en escritor ou ilustrador seguramente.

-E despois viría o Premio Internacional Compostela de Ilustración, do que o próximo 8 de abril anunciarase o gañador da súa cuarta edición.

-O premio é unha ampliación da campaña. Porque despois de ano de converter a sala da Galería Sargadelos nun pequeno museo onde os nenos e nenas podían ver ilustracións orixinais que colgabamos nas paredes, chegou o momento de pensar que estaría ben ter tamén un premio e que eses orixinais que se colgaban puideran chegar doutras partes do mundo. A idea era converter Compostela non só nunha cidade de chegada de viaxeiros senón que puidera ser tamén un lugar de difusión e de converter eses orixinais en libros que viaxasen polo mundo. Hoxe en día o Premio Internacional Compostela está xa publicado en sete linguas e nos acompaña en toda as feiras internacionais, e todos os exemplares dos Premios Compostela levan na súa contraportada o logotipo da cidade de Santiago.

xosé ballesteros xerente de kalandraka editora