A musealización do Paleolítico no Saviñao tardará un par de anos

Francisco Albo
francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Para mostrar ao público as pezas arqueolóxicas haberá que esperar a que se complete o seu estudo no laboratorio

10 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O equipo científico que investiga os xacementos paleolíticos do sur lucense mostrouse conforme coa proposta do Ecomuseo de Arxeriz -no municipio do Saviñao- para albergar unha parte das pezas arqueolóxicas que foron recollidas nas escavacións e prospeccións realizadas na zona desde o 2006. Porén, o director deste proxecto coordinado pola Universidade de Santiago, Ramón Fábregas Valcarce, sinala que a musealización destes materiais non poderá levarse a cabo a curto prazo, xa que haberá que esperar a que os investigadores terminen de estudalos, o que aínda levará algún tempo.

Fábregas calcula que o estudo dos artefactos recollidos na comarca de Lemos podería durar ata dous anos. O prazo sería máis prolongado no caso dos materiais obtidos nas escavacións dos xacementos de Valdavara (Becerreá) e Cova Eirós (Triacastela). Unha vez finalizadas as análises, sería posible seleccionar unha parte destas pezas e ceder a súa custodia á Fundación Xosé Soto de Fión, que xestiona o referido museo. Para iso é necesario contar coa autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pero o arqueólogo Gonzalo Meijide, un dos responsables técnicos deste organismo na provincia, xa dixo que non hai trabas legais que impidan esta cesión.

Proximidade xeográfica

Por outro lado, Fábregas considera que a exposición destes materiais no Ecomuseo de Arxeriz respondería aos criterios actuais de musealización das pezas arqueolóxicas, que recomendan gardalas e mostralas ao público en lugares situados o máis perto posible dos sitios onde foron achadas.

De acordo con ese criterio, os únicos lugares da provincia que poderían acoller actualmente estes materiais serían o Museo Provincial de Lugo e o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba. Pero o primeiro deles non dispón hoxe en día de espazo para gardar estas pezas. Fábregas tampouco considera conveniente levalas a Vilalba, por estar demasiado lonxe dos xacementos e porque «ese museo conta cunha pequena colección especializada nos xacementos paleolíticos da Terrá Chá e non parece o sitio máis axeitado para custodiar os materiais que apareceron nos últimos tempos na zona sur».

Para albergar estas pezas no Saviñao, di Fábregas por outro lado, habería que trazar un proxecto de exhibición museística. «Nós dispoñemos do persoal adecuado para iso, pero talvez haxa que contar tamén cun pequeno apoio económico da Administración», engade.