A Academia terá lista en tres anos a súa primeira gramática

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Cinco especialistas do Instituto da Lingua elaborarán o texto

25 ene 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A primeira gramática oficial da Real Academia Galega botou onte a andar. O presidente da institución recoñecía a «carencia histórica» que supón non dispor deste texto, que será elaborado nos vindeiros tres anos por cinco especialistas do Instituto da Lingua Galega, organismo que depende da Universidade de Santiago: Ernesto González Seoane, Xosé Luís Regueira, Xosé Xove, Francisco Cidrás e Rosario Álvarez Blanco, directora do Ilga, entidade que foi constituída hai 40 anos e que tivo como primeiro presidente a Constantino García.

Ademais de salientar as publicacións no eido da gramática de cada un dos integrantes do equipo, Rosario Álvarez apuntou que están «acostumados a traballar xuntos» e citaba algúns dos traballos conxuntos que xa teñen publicados. Para levar adiante esta primeira gramática, o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, e o reitor da Universidade de Santiago, Casares Long, asinaron onte un convenio de colaboración na sede da Academia. Ferrín lembrou que era a primeira vez que o reitor compostelán visitaba a RAG e por iso antes da firma do acordo asinou no libro de ouro da entidade.

Méndez Ferrín explicou que a falta dunha gramática oficial era «unha carencia histórica que tiñamos» e lembrou a colaboración que desde hai anos veñen mantendo a RAG e o Ilga, aínda que o convenio asinado onte é o primeiro documento oficial de traballo conxunto entre as dúas institucións.

Rosario Álvarez lembrou a «excelencia académica» acadada o ano pasado polo Ilga, no que entre profesores e bolseiros traballan na actualidade máis de setenta persoas, e adiantou que unha vez elaborada a nova gramática «deberá ser aprobada polo plenario da Real Academia Galega, co que pasará a ter a consideración de gramática institucional». Tamén adiantou que o novo texto farase «sen cambios na norma actual», aínda que será «unha gramática descritiva do estándar que xa está», polo que recollerá todos os aspectos gramaticais correspondentes ao galego.

Para a directora do Ilga, esta nova gramática estará elaborada «co desexo de facer país, de defensa do galego, e non de antagonismo entre as dúas institucións máximas da lingua».

O reitor da Universidade compostelá, Casares Long, salientou precisamente que, coa colaboración entre as dúas institucións que acaban de asinar, se está «facendo realidade parte dese traballo que tanto se nos reclama e que é a transmisión da cultura á sociedade».