Un soño para a igualdade entre homes e mulleres

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

09 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

A equiparación da muller cunha Galicia autónoma vai ripando o fío fundamental co que dá en tecer a obra narrativa de catro escritoras galegas que conforman a tese que lle valeu a Marisol Rodríguez para se doutorar pola Universidade de Auckland. Xohana Torres, María Xosé Queizán, Teresa Moure e Carmen Blanco anovaron un xénero aterecido pola escaseza. Mediante a súa única novela, a compostelá Xohana Torres dá vida a Maxa para «arrebolar unha crítica descarnada ao franquismo e aos condimentos que o fixeron posible». A protagonista, unha adolescente, «reivindica unha Galicia rural, desfeita pola explotación capitalista». Marisol Rodríguez atopa na obra de María Xosé Queizán os xermolos da controversia: maternidade, sexualidades alternativas e pedofilia, temáticas que, segundo di, silenciaron a obra da viguesa,

Na quenda das lucenses, da monfortina Teresa Moure sinala que a súa narrativa aposta pola natureza da muller, de acordo coa postura «ecofeminista» da propia autora.

Carmen Blanco, relata Marisol dende as Antípodas, «emprende unha análise penetrante de Galicia para repasar o seu pasado e presente sen perder de vista un soño libertario». Di que valéndose da reescritura dos contos de fadas tradicionais, a luguesa retrata «unha terra igualitaria para homes e mulleres».

Pasaporte feminino

Cómpre engadir que Blanco, profesora de Literatura Galega da USC, foi decisiva logo de que a de Maceda atopara dificultades para desenrolar a relación da literatura galega coa neocelandesa a través da escrita maorí. Marisol defendeu a tese en maio do pasado ano e graduouse en setembro.