«O engano está na vida, un xogo de verdades e mentiras»

O autor reúne vinte textos que ofrece reunidos como se dun menú se tratara, «co desexo de que aproveiten»


santiago/la voz.

A editorial Galaxia vén de publicar na colección Costa Oeste unha nova obra de Manuel Núñez Singala, Menú de enganos , todo un convite para degustar, servido co humor que caracteriza a este autor de ensaios, dunha novela e tres obras de teatro. Este é o primeiro libro de narracións curtas do autor e director do servizo de Normalización Lingüística da USC, que presentou a obra na Libraría Couceiro na compaña do coordinador de novos proxectos da editora, Francisco Castro.

-¿Estamos diante dunha obra xuvenil?

-Encaixárona nunha colección xuvenil, Costa Oeste, pero eu cando a escribín pensei en adultos. A literatura xuvenil é esvaradía, as fronteiras entre xéneros están pouco claras ou, digamos, están marcadas polas políticas editoriais. Son textos, en calquera caso, para calquera lector que non sexa o público infantil.

-Ten publicada unha novela, polo que estes relatos non son un preludio, como adoita pensarse. ¿É o primeiro libro deste xénero?

-Non, este é o primeiro libro de relatos, pero teño publicados máis en obras colectivas. En ficción teño publicadas tamén tres obras de teatro, das que a primeira, O achado do castro , é a máis representada neste país despois de Os vellos non deben de namorarse . É unha comedia da que van vendidos 14.000 exemplares. Gústame moito o relato. Penso que un bo libro de deste xénero pode ser máis fantástico que unha novela, e ademais é máis difícil, porque non pode sobrar nada, como nunha curta de cine, todo está medido.

-¿Que ofrece neste menú literario?

-Son vinte relatos de moi distinto tamaño e intensidade reunidos como se fose un menú: catro para picar, porque son os máis lixeiros e curtos; catro entrantes, catro primeiros pratos, catro segundos, que son os máis densos; e catro sobremesas para deixar bo sabor de boca. Pareceume boa idea a modo de índice, co desexo de que aproveiten.

-¿Todos sobre o engano?

-Os vinte están relacionados con algunha forma de engano, coa mentira e a falsidade. Incluso hai un no que eu mesmo intento enganar ao lector. O engano é a liña común entre todos eles, un tema que me parece moi interesante porque está na vida, que é un xogo de verdades e mentiras.

-¿Escribiunos en épocas e momentos diferentes?

-Algún levaba escrito máis de cinco anos.

-Tamén e autor de ensaios. ¿En qué traballa agora?

-Non me gusta falar de proxectos. Empezo moitas cousas, pero non teño nada para o prelo. Traballo para vivir. Coa literatura intento pasalo ben, por iso xogo sempre co humor, que me parece fundamental, e máis a medida que me fago maior.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«O engano está na vida, un xogo de verdades e mentiras»