Un pleno de honra concedeulle onte ao doutor Moreira Casal, o chamado «médico dos pobres», a máxima distinción da cidade en presenza da súa familia
20 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A vida levounos lonxe de Vilagarcía, pero onte os descendentes do doutor José Antonio Moreira Casal volveron a esta cidade para sentirse orgullosos do seu pai, do seu avó e do seu bisavó. A vila na que naceu Moreira Casal e na que profesou a medicina durante anos decidiu que era hora de darlle a quen foi coñecido coma o médico dos pobres unha das distincións máis prezadas da cidade, a de fillo predilecto.
As súas tres fillas, Maruxa, Volga e Luisa Elvira, achegáronse onte a Vilagarcía para lembrar ao seu pai e participar desta homenaxe que a súa terra quixo darlle. Nesta visita tiveron a oportunidade de coñecer o monumento que se lle dedicou ao doutor hai uns anos na rúa que leva o seu nome, moi pretiño de Rosalía de Castro, onde viviu os seus últimos anos.
Esta xornada de nostalxia e recordos levounas despois ata o salón nobre do Concello, onde pasada a unha da tarde comezaba o pleno de honra no que Moreira Casal ía ser nomeado fillo predilecto da cidade. Diante dun público que enchía o antigo salón de plenos, a alcaldesa foi a encargada de abrir os discursos. Fíxoo gabando a figura de Moreira Casal, pero tamén agradecendo o traballo da asociación veciñal que promoveu esta homenaxe.
A rexedora lembrou que neste ano se celebra tamén o centenario do pasamento doutro gran doutor vilagarcián, Roque Carús, e o cincuenta cabodano doutro recoñecido facultativo, Manuel Tourón. Ámbolos dous, xunto con Moreira Casal, -dixo- «representan algúns dos grandes valores que definen desde sempre a esta cidade: a apertura de miras, o amor a un pobo, a entrega aos demais», valores que «está ben lembrar de cando en vez para os vilagarciáns que somos, e os vilagarciáns que han de ser».
Para rematar, Dolores García destacou que «atendendo de día e de noite aos máis necesitados, asumindo incluso os gastos dos medicamentos, polo mero feito de facer o ben, Moreira foi moito máis alá do que o seu xuramento lle comprometía».
Foi unha das súas netas, María Teresa Lobo Moreira, a encargada de agradecer, no nome da familia, este recoñecemento outorgado ao seu avó. Teresa Lobo deulle as grazas á corporación, á comisión veciñal que impulsou ese nomeamento, pero tamén a todos aqueles coetáneos que coñeceron ao doutor Moreira Casal e que permitiron que o recordo «de Pepe Moreira perviva».
A neta de Moreira definiu ao seu avó como alguén «a quien sin conocer tanto admiro» e lembrou algunhas das anécdotas que sobre el lle contaba a súa nai. «Lo intuía como un Cid Campeador a lomos de su caballo Lucero», evoca Teresa Lobo.
Tralas intervencións, a alcaldesa foi a encargada de entregarlle á filla maior do doutor o diploma que recoñece ao seu pai como fillo predilecto de Vilagarcía. Despois, as tres descendentes de Moreira Casal firmaron no libro de honra na cidade. «Siento orgullo de ser tu hija», escribiu a maior das tres. Un orgullo que a cidade de Vilagarcía comparte por este que figura xa, desde onte mesmo, na nómina dos seus fillos predilectos.
O doutor Moreira Casal nacera no lugar da Torre en decembro de 1899. Estudou a carreira de Medicina nas Universidades de Santiago de Compostela e Sevilla e doutorouse en Obstetricia na Universidade de Madrid.
Foi no ano 1924 cando comezou a exercer a súa profesión como médico libre en Vilagarcía e desde entón non deixou de atender de xeito desinteresado ás persoas enfermas e necesitadas que lle solicitaban a súa asistencia. Ás persoas pobres prestáballes asistencia de forma gratuíta, costeáballes el mesmo os medicamentos e en ocasións ata lles deixaba cartos debaixo da almofada.
Moreira Casal tamén tivo a súa faceta política e foi concelleiro na corporación municipal entre o 15 de abril de 1931 e o día 10 de agosto de 1934. A guerra civil levouno ata Teruel e non regresou ata Vilagarcía, xa enfermo, ata o ano 1942. Aquí finou en marzo de 1944.