Correr ben para defender a lingua

SANTIAGO CIUDAD

A carreira polo idioma saiu este maio de Compostela e premiou os corazóns dun colexio de Lousame «pola súa idea de querer o galego», afirma Carlos Callón

04 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Correlingua 2010 partiu este ano de Compostela, hoxe continúa en Ourense e finaliza o día 14 en Vigo. As rúas da zona monumental notaron o acontecemento, coa presenza de uns 4.000 estudantes de 30 centros de ensino de Santiago e comarca, que se concentraron desde as 10.30 na praza do Obradoiro, de onde partiron e onde regresaron novamente. Moitas cores, cancións, lemas e elementos diversos reivindicaban o uso normalizado do idioma.

A CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística, a asociación cultural O Galo, os concellos de Santiago, Ames, Teo, Brión e Oroso, xunto coa Deputación Provincial, Galicia Calidade e o Xacobeo patrocinaron a proba. Esta vez foi notada a ausencia da Consellería de Educación, e de Política Lingüística, que en edicións anteriores participaron, e así o indicaban Anxo Louzao e Carlos Callón, representantes da CIG e da Mesa pola Normalización.

A música, os cánticos e as orixinais vestimentas do alumnado do colexio Cernadas de Castro, de Lousame, foi escollido como o mellor e resultou premiado. As persoas que decidiron o galardón non o tiveron fácil. Nesta ocasión decidiron singularizar a ese grupo «pola súa idea de querer o galego, que estaba ben presente nos corazóns vermellos que levaban, de moi diferentes maneiras», indica Carlos Callón.

Anxo Louzao insistía na «resposta de todo este alumnado, que demostra sentir orgullo do que é noso. É un acto festivo-reivindicativo que insiste ano a ano na importancia de continuarmos a falar o noso idioma» e lamentaba a «cruzada contra o galego» que afirma «observar en certas institucións».

No Obradoiro actuaron Chévere e Machina que, con humor, se referiron á posibilidade da desaparición do galego e a maneira como se debería actuar para que iso acontecese.

Os organizadores afirman que o ano pasado participaron no Correlingua 45.000 estudantes en todo o país, e este ano aspiran a superar ese récord. Pensan que a boa resposta de onte fai pensar nesa posibilidade, que tentarán confirmar estes días.