«A educación de hoxe precisa máis paciencia, tolerancia e amor»

Xesús Santos

SANTIAGO CIUDAD

«Dende o primeiro día xa me enredou esta antiga vila mariñeira co seu galeguismo encarcerado. A xente era cordial e ségueo sendo»

26 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

«Ven cedo que hai que coller o día pola punta» -sentencia o meu compañeiro interlocutor-. Quedaramos para traballar na súa casa, unha mañá gris de febreiro. Por intres abica na fiestra un sol tímido que, languidamente, esmorece no lombo da ría. Na mesa de traballo, un montón de papeis de fresco, e nos estantes repousan centos de folios manuscritos, clasificados por carpetas. Non cabe dúbida que estamos diante dun historiador con oficio.

Xesús Costa Rodil, nado na mariña luguesa, no abrente de 1944, no lugar de Espiñeirido, Santa María de Cervo, está orgulloso da súa orixe xeográfica e social; de estirpe labrega, arriba ao recanto luminoso da vila de Rianxo no 1972. Vén de mestre e cumpre esta tarefa, de forma continuada neste pobo, ao longo de 35 anos, ata que se xubila no ano 2007.

-¿Que razóns te moveron a escudriñar no pasado histórico da zona?

-Viña case orfo da historia e cultura do país. Nin no bacharelato laboral nin na carreira de Maxisterio, nin nos primeiros estudos universitarios puiden saber da vida, obra e compromiso dos egrexios rianxeiros. Estudei Filosofía e Letras, sección de Historia Moderna, na Universidade de Santiago. Así, para realizar traballos prácticos de investigación, empecei a investigar no arquivo municipal. A miña tese de licenciatura centrouse na xurisdición de Rianxo no Antigo Réxime. O contacto con entidades e persoas foi creando en min as arelas para profundar no coñecemento do que agora é relevante na miña vida: a defensa da nosa lingua e cultura, tolerante e aberto ás outras linguas e culturas. -¿Hai moita diferenza entre a educación actual e a de antes? -A educación de hoxe precisa de máis paciencia, tolerancia e amor. Motivar e influír positivamente nas condutas é difícil. A innovación educativa vai unida á formación do profesorado, e ha ser continua para responder aos problemas, un deles, o do fracaso escolar, máis relacionado coas clases sociais baixas ca con outros factores. A preparación dos profesores deben realizala persoas con ampla experiencia nas aulas e alta capacitación teórica. -¿Que opinión che merece a Lei da memoria histórica? -Penso que cumpría a súa aprobación como un elemento que dignifica as vítimas, a todos aqueles que defenderon a legalidade republicana fronte a ditadura franquista, e a aquelas que sufriron una atroz represión e que, a máis, propicia a libre investigación para achegarnos á verdade histórica, factor capital para a convivencia. Pola súa natureza, non nos estraña que a súa aplicación tropece con atrancos. -¿Botas de menos o papel dunha igrexa galega que conecte coa cultura do pobo? -A igrexa galega debía rezar en galego. Deus acolle a nosa oración, se é verdadeiramente cristiá, en calquera lingua; a tradución dos textos sagrados á lingua galega está feita. Non comprendo esta falta de compromiso. -¿Ves factible a creación da Academia Literaria de Rianxo? -Se o Concello rianxeiro prosegue con perseveranza na súa creación, conseguirao. Xa son de propiedade municipal as casas de Manuel Antonio e Rafael Dieste, e agardamos que se poida dispor da casa de Daniel Rodríguez Castelao. Con esta base e a incorporación de obras destes eximios rianxeiros, e a colaboración doutras institucións, conseguiriamos que Rianxo sexa un centro, máis do que xa o é, de galeguismo e proxección cultural.

-En parte -engado eu- grazas ao teu probado rianxeirismo. De todo iso dou fe.