Os autores de granxafamiliar.com ultiman a creación dun museo virtual de rutas etnográficas

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

06 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O proxecto Granxafamiliar.com, un sistema de comercialización de produtos agrarios de orixe familiar, no que participan unha ducia de granxas luguesas e que lidera o profesor Carlos Ferrás, do grupo de investigación GisT-Idega da USC, traballa xa nunha nova iniciativa: un museo virtual de rutas etnográficas de Galicia (que se aloxará no web www.galiciaautentica.org) que recollerá en formato multimedia aqueles aspectos da cultura, paisaxe, estilos de vida, costumes e tradicións, gastronomía, arqueoloxía ou patrimonio que permiten obter unha auténtica visión «alternativa» da xeografía cultural de Galicia.

Dentro desta nova iniciativa, un equipo de catro técnicos está percorrendo a xeografía das diferentes comarcas galegas capturando en vídeo, fotografía e son dixital pequenos trazos a modo de flashes da vida diaria que os galegos desenvolven. Deste xeito preséntase unha Galicia auténtica, descoñecida, con todos os aspectos positivos e negativos que a caracterizan como pobo orixinal e diferente no contexto español e europeo.

Ferrás sinala que buscan «chamar a atención, impulsar a reflexión interna na sociedade e incentivar a mirada dos outros sobre a nosa idiosincrasia e referentes etnográficos. Todo isto a partir dunha estratexia de marketing territorial en liña que nos permita definir produtos galegos con imaxe de marca diferenciada e capaces de competir no mercado internacional do ocio, do turismo activo e dos produtos agrarios naturais e ecolóxicos».