«A serie "Matalobos" vai enganchar dende o primeiro capítulo»

SANTIAGO CIUDAD

É Vanesa Viaño na nova serie de Voz Audiovisual, unha rapaza que fará o que sexa por conseguir o que quere

09 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

É unha das máis noviñas no elenco de actores que a partires do vindeiro luns farán disfrutar a todos os espectadores da Galega na nova serie de Voz Audiovisual, Matalobos , unha historia sobre clans de narcotraficantes onde a acción e a intriga estarán presentes en cada capítulo. María Mera (Vedra, 1986), vai ser unha cara a lembrar no audiovisual galego.

-¿Como é Vanesa?

-É unha rapaza moi rebelde, que ten moi claro cal é o seu obxectivo na vida, quere unha vida de luxo a costa do que sexa. Sabe o que quere e intenta conseguilo, aínda que sexa polo camiño equivocado. É un personaxe con moita forza.

-Aseméllase ao papel de María Castro na famosa «Sen tetas»?

-Pódese parecer perfectamente. É ademais o personaxe da serie con máis cambios, é a única pos adolescente, que evoluciona moito ao longo dos 22 capítulos. Vaise a ver en situacións moi extremas, empeza con inxenuidade, pero vai cambiando e cada vez vai tendo máis ambición.

-¿Que se vai atopar a xente cando o luns vexa «Matalobos»?

-A serie vai enganchar dende o primeiro capítulo, ten moita acción e reflicte o que ocorre na vida. Vai captar público de distintas idades, porque ademais ten unhas grandes doses de acción e de intriga.

-¿«Sen tetas non hai paraíso» marcou un inicio neste tipo de tramas?

-Pode ser, esta podería ser a versión galega.

-¿Como foron os seus inicios neste mundo?

-A verdade é que empecei con 16 anos presentándome ao concurso Top Model Área Central, pero sempre me gustou o tema da interpretación. O que ocorre é que vía moi complicado entrar nel. Fixen moitos cástings e fun coñecendo este mundo, logo estudei teatro aquí en Santiago, e o último proxecto no que estiven foi Acompáñenos , ata que me fixeron unha proba para a serie e estou encantada. De feito levaba un tempo pensando que non o ía conseguir.

-¿Que tal están indo as rodaxes?

-A verdade é que dá gusto traballar nun equipo no que te sentes a gusto. Agradezo moito os compañeiros que teño, e o feito de que todos teñan experiencia fai que estea sendo toda unha escola. Cando me esperto e penso que teño que ir a rodar para min non é un traballo.

-¿Quen lle axudou máis ao principio do traballo?

-Para min ver que todos os compañeiros xa teñen unha traxectoria e experiencia é o mellor, pero cando comecei, traballei máis cos actores que facían de meus pais. Rebeca Montero, que fai o personaxe da miña nai, foi mesmo con quen fixen o cásting, polo que me axudou moito e me deu moita confianza.

-¿Como se ve dentro de dez anos?

-Encantaríame seguir neste mundo. Agora que o probei sei que é o me gusta e o que quero. E o cine xa sería fantástico, mesmo se o puidese compaxinar co teatro.

-¿Tivo que rodar escenas subidas de tono?

-Penso que o meu papel é o que ten as escenas máis subidas de toda a serie. É que para min foi unha experiencia incrible porque non é lineal, fai de todo e ten situacións moi extremas.

-¿Como está o nivel de actores en Galicia?

-Eu penso que o elenco que hai é impresionante.