A vila de Noia ocupa novamente as Letras da Arte, aínda que nesta ocasión por un tipo de obra de arte pouco coñecido: os baldaquinos renacentistas. ¿Que é un baldaquino ou baldaquín? Trátase dunha peza de arquitectura fixa, que consta dunha estrutura que pode estar sostida por columnas ou acaroada á parede. Normalmente colocábase sobre o altar maior dunha igrexa, aínda que tamén se lle chama así ao dosel que colga sobre un leito ou un trono. Os máis populares son sen dúbida o da basílica de San Pedro do Vaticano, feito polas mans de Bernini, entre os anos 1624-1633, e como non, o baldaquino da catedral de Santiago, que está sobre a tumba do apóstolo. Pero seguramente moi preto das nosas casas ou vilas hai outros que quedan normalmente esquecidos.
Así como todos nos fixamos nos cruceiros que poboan a nosa comunidade, non se coñecen demasiado estas pezas, nin foron moi estudadas, quizais porque en numerosas ocasións substituíronas por outro tipo de arquitectura e as mostras quedaron dispersas. O material co que se fan soe ser granito, e a estrutura tamén é común: planta cadrada e arco que o cobre, e con columnas esveltas cilíndricas ou hexagonais.
Pese a que hai variedade nos temas representados, o habitual é que a temática sexa bíblica ou evanxélica, abundando santos, anxos, ademais de incluír motivos heráldicos, decorativos ou simbólicos. Antes de describir algún deles creo que é obrigado agradecer o labor do Seminario de Estudos Galegos e a José Filgueira Valverde polo inventario existente sobre estas pezas que serve de base documental deste texto.
É posible atopar repartidos por toda Galicia baldaquinos renacentistas sendo o núcleo máis denso na provincia de Pontevedra. A zona do Barbanza conta con exemplares en Noia, Cespón e Abanqueiro.
En Noia coñécense dous: O primeiro, de comezos do século XVI, está no cemiterio da igrexa parroquial (se ben se cre que foi trasladado do interior dunha igrexa). É dos máis sinxelos na súa estrutura, limitándose a cubrir unha cruz co baldaquino de planta cadrada sostido por catro pilastras. Presenta escasa decoración, da que chama a atención un relevo con escena de caza. Máis interesante a nivel artístico é sen dúbida o baldaquino do Pazo de Monroy, hoxe da familia Varela Radío que se cre procedente da igrexa de Santa María a Nova ou de San Martiño, e actualmente está no xardín do pazo.
É dos poucos baldaquinos galegos que se conserva montado sobre columnas na súa estrutura orixinal. A planta é cadrada, cun arco rebaixado que acolle o remate piramidal coroado por pináculo. Das catro columnas que o sosteñen, dúas son cuadrangulares, e as outras dúas cilíndricas, e delas soamente unha ten o fuste decorado. O máis interesante son os relevos, chamando especialmente a atención o dedicado á Anunciación, así coma o escudo que ocupa o centro do lintel no seu anverso. O reverso decórase con rosetas caladas.