O Pen Clube pide aos premiados que «espallen a cultura galega»

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

27 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Pen Clube galego recoñeceu onte a traxectoria de catro escritores internacionais ao entregarlles en Santiago o premio que leva o nome de Rosalía de Castro. O premio leva consigo a encomenda de espallar a existencia e a dimensión da cultura galega. Álvaro Mutis, Mia Couto, Jon Kortazar e Joan Margarit recibiron onte no salón nobre do pazo de Fonseca o premio que desde hai sete anos entrega a sección galega do Pen Club Internacional. Mutis, ademais, recibiu no mesmo acto a insignia da Universidade de Santiago.

Tanto Luís González Tosar como a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, reafirmaron a idea de que os premiados deben exercer de «embaixadores da cultura e da literatura galegas polo mundo». Esta idea centrou o discurso de benvida de Tosar e tamén as palabras de recoñecemento da conselleira, quen salientou o feito de que Mia Couto fose o primeiro autor africano que recibe este galardón. Bugallo explicou no seu discurso que «nun tempo no que aínda é necesario lembrar a historia da literatura galega hai que pedirlle aos premiados que fagan o posible por axudar nesta tarefa da internacionalización».