«O Hostal era un sitio cobizado para estudar polas tardes, tiña calefacción»

Cuestiona que, fronte á publicidade que se fai da Compostela monumental, nas rúas estean á vista os cables eléctricos


santiago | «

Concha Pino ¿Como non me vou sentir compostelá despois de vivir aquí dende o ano 62 e ter catro fillos composteláns?». Porque Raquel Casal naceu en Pontevedra e veu con apenas 18 anos para estudar Filosofía e Letras no mesmo edificio no que continúa hoxe como profesora titular de Arqueoloxía. Por iso non é estraño que diga que Xeografía e Historia «é a miña segunda casa de todas todas, porque non saín nunca deste edificio, e a pesar de que resulta pouco funcional é unha marabilla estar aquí».

A Raquel Casal non lle gusta recordar os vellos tempos porque lle parece que iso «xa chegará», pero conta e non para anécdotas e vivencias como que vir para Compostela foi un cambio de vida radical, «unha gran liberdade a pesares de que estaba en Cluny, daquela residencia de monxas, e ás dez había que estar dentro, pero era marabillosa, porque Pontevedra, aínda sendo capital da provincia, era un pobo no que se coñecían todos, moi de señoritos, onde as mulleres non podiamos ir ás cafeterías, e xa non digamos fumar, e na que se facías unha falcatruada a primeira que o sabía era túa nai». Esta cidade non era moi diferente, «pero para os universitarios si, porque nos permitiamos liberdades como collerte da man cun mozo». As cafeterías eran o centro da vida estudantil, incluso para estudar. Raquel lembra que o Hostal era un sitio cobizado para pasar a tarde estudando por un cafeíño, entre outras cousas porque tiña calefacción. «Había que ir cedo para coller sitio». O Franco era o punto de encontro para tomar os viños a mediodía, e pola tarde a cita era na Estradense ou en Os Barriles.

A vida nas aulas era ben distinta á de hoxe. A primeira alumna que se atreveu a ir en pantalóns armou unha revolución, «porque Moreno Báez non o permitía, incluso te botaba se lle parecía que non ías ben peiteada, e os homes levaban chaqueta e gravata». A chegada de Alonso del Real empezou a abrir camiños, «porque os catedráticos eran inaccesibles, e el citaba aos alumnos no bar, algo que estaba mal visto». As revoltas estudantís do 68 pillaron a Raquel Casal coa carreira rematada. Facía a tesiña, estaba a punto de casar con Jesús Couselo «e como viñera estudar miña irmá pequena, andaba máis preocupa de que ela non se metera en lios que doutra cousa».

Pero esta arqueóloga e actual directora do departamento de Historia I nunca deixou a Facultade, porque empezou a traballar de axudante do catedrático Balil Illana, «que me encomendou contestar á numerosa correspondencia que mantiña con medio mundo e poñerlle tejuelos aos libros que recibía por intercambio. En realidade éramos secretarias, ate para levarlle cervexas á casa se cho pedía». Ate dez anos despois, cando chegou o novo catedrático de Arqueoloxía Luzón Nogué, non puido empezar a facer a tese «e foi porque Luzón viña con unha mentalidade nova e botou as mans á cabeza cando veu o que se me permitía facer. Con el botou a andar a Arqueoloxía moderna galega».

Lamenta que a Arqueoloxía non acade en Galicia a categoría de titulación, incluso que deixara de ser especialidade. «É unha materia troncal, pero dos cento e pico alumnos que temos só lle interesa realmente a unha minoría, pero non lles podes dedicar o tempo que quererías». Deixa claro que a súa reivindicación académica non é unha cuestión corporativa nin persoal, senón porque a Arqueoloxía é unha disciplina fundamental «e hoxe máis ca nunca, porque debe ser das poucas profesións nas que non hai paro pola cantidade de obra pública que se fai e a obriga de facer catas en calquera intervención nos cascos antigos, aínda que só sexa para estudar o que aparece e documentalo». A outra cara da moeda «é que hai moita xente mal preparada facendo de arqueólogos, porque calquera que cursara esa materia xa pode formar parte dun equipo, aínda que dirixir escavacións non lles deixan se non teñen unha certa experiencia. Pero non teñen a formación adecuada».

Rise lembrando o estupor e as reaccións en contra que suscitou na Facultade e fóra dela a afirmación que fixo hai uns anos o que daquela era director xeral de Patrimonio de que o mellor xacemento arqueolóxico é o que está tapado. «Dicir iso é non saber o que é a Historia, outra cousa é non esgotalos, porque se debe deixar sempre a testemuña para avanzar nos estudos e abrir vías novas de traballo». Nese campo é a mellor coñecedora, xunto con Fernando Acuña, da situación de Santiago no que respecta ao Castelo da Rocha e o Castro de Conxo. Comenta que en Santiago fíxose un traballo excelente en relación co seu patrimonio, «pero tiñamos bos cementos, sempre estivo moi coidada porque había conciencia de que tiñamos un tesouro». Lembra nese sentido o traballo do profesor Remuñán na comisión de patrimonio, «que foi clave para o que veu despois», pero cuestiona «a excesiva publicidade que se fai, que non responde á realidade de rúas cheas de cables e impedimentos para instalar un ascensor, cando hoxe o concepto patrimonial ten que ser para vivilo».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«O Hostal era un sitio cobizado para estudar polas tardes, tiña calefacción»