Un curso de verán que xirou arredor da cultura

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

12 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Potenciar a liberdade das mulleres, das linguas e dos lugares centrou o curso de verán que baixo o título Escritoras Europeas de Culturas Minorizadas organizado pola USC.

Despois de cinco intensas xornadas -divididas entre as escritoras en linguas celtas, as linguas ibéricas, as voces acaladas e expatriadas e as escritoras en lingua galega- tanto a directora do curso, Carmen Blanco como o secretario, Claudio Rodríguez, amosáronse moi contentos da creatividade dos conferenciantes, alumnado e o pobo de Monforte.

Blanco e Rodríguez Fer quixeron agradecer o xesto e todo o apoio recibido da concelleira de Cultura, Alicia Cadarso, e tamén do alcalde de Monforte.

Como en todos estes cursos, o número de matriculados puido ser maior, ben é certo que o medio cento de matriculados quedaron satisfeitos co programa e moi ledos por teren asistido a un curso onde todo xirou arredor da cultura.

As vivencias

¿Pode haber algo máis interesante?, preguntábase unha rapaza á saída da casa da cultura, lamentando que non houbera máis xente predisposta nestes temas. Outra recordou a unha das escritoras que máis lle gustaron. «Eu descoñecía que houbera dúas partituras medievais feitas por mulleres», comentou en referencia á brillante exposición de María Lopo, que disertou sobre as trobadoras na sociedade feudal, afondando na figura da Condesa de Día.

Un algo distinto

«Hai que recordar que asistir a un curso de verán non é igual que matricularse no de inverno. Isto é un encontro directo coa cultura viva, polo tanto é algo ameno, gozoso e divertido», salientou Claudio Rodríguez, referíndose aos que posiblemente puideran estar interesados pero non deron ese último paso de matricularse nalgo que sen dúbida contribúe á formación da persoa.