Xosé Lois García traza unha viaxe poética por Pantón

SANTIAGO CIUDAD

O autor chantadino inspírase de novo no patrimonio cultural pantonés

21 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O próximo día 30, antes da inauguración da Feira do Viño de Pantón -prevista para as oito da tarde- será presentado o último libro do prolífico escritor chantadino Xosé Lois García, que é tamén o segundo da súa autoría dedicado a este municipio. García xa publicara en 1999 o ensaio Simboloxía do románico de Pantón e agora recrea o patrimonio cultural e histórico da zona desde un punto de vista poético na obra Pórticos do gozo (Poemas a Pantón) , recén publicada pola editorial Toxosoutos. O libro é ademais a segunda colección de poemas dedicada integramente a este municipio, despois das Cantigas e cantos de Pantón que o falecido Manuel María publicara en 1994.

As imaxes románicas esculpidas nas igrexas de Pantón, estudadas por García na súa anterior obra mencionada, son utilizadas como motivo poético e simbólico no seu novo libro. É o caso dos capiteis que adornan o exterior da igrexa das Bernardas -con imaxes características da arte medieval, como a caza dun cervo ou unha escena de xoglares-, aos que o autor dedica varios poemas baixo o rótulo común de «cantos iconográficos».

Igrexas, pazos e castros

Outros elementos menos coñecidos da herdanza cultural de Pantón serven tamén de inspiración ao poeta, como os frescos renacentistas da igrexa de San Vicente de Pombeiro, descritas nun conxunto de nove poemas dedicados ao artista anónimo que os pintou. A súa visión persoal do pasado destas terras traslúcese ademais en poemas sobre as igrexas de Cangas, Eiré, Budián, Espasantes ou Tribás, os pazos de Ferreiroá e Reguengo, a casa grande de Goián ou os numerosos castros espallados polo territorio do municipio.

Non só o rico legado artístico pantonés é interpretado poeticamente no libro por Xosé Lois García, que encontra tamén un interese literario no reloxo da casa consistorial de Ferreira, nos castiñeiros de Tribás ou no nome da aldea da Panfolía -na parroquia de Cangas-, un topónimo que para o autor resulta especialmente suxerente e que é descrito como «nome de divindade, de ninfa errante». Non faltan referencias a personaxes históricos relacionados dunha ou outra forma con Pantón, como o de Inés Fernández, abadesa do antigo mosteiro de Eiré que a finais do século XV se rebelou contra a anexión da súa comunidade ao convento compostelán de San Paio de Antealtares.

A paisaxe tradicional de Pantón ocupa igualmente un importante espazo en Pórticos do gozo , que contén numerosos poemas de títulos significativos: Os tres ríos de Pantón , Polos sucalcos das ribeiras do Miño , Nas valgadas de Atán , Invernía en Mañente ... As paraxes de San Román de Moreda, Frontón, Vilar de Ortelle, Bazal, Cotillón, Tuiriz, Deade, Següín ou o despenadoiro de Pena Pombeira, entre outros lugares, aparecen tamén nos diferentes textos que compoñen a obra.

García, por outro lado, comenta o seu percorrido literario por Pantón coa axuda de frases extraídas das obras de poetas e pensadores que van desde Rosalía de Castro ata o polaco Adam Zagajewski ou o iraniano Seyyed Hossein Nasr, pasando por Antonio Machado, Joan Brossa ou Juana de Ibarbourou, o que contribúe a darlle unha dimensión de universalidade.