Arousa Norte porá en valor e mellorará a rede de sendeiros de cara á primavera

SANTIAGO CIUDAD

10 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Percorrer os principais recursos naturais e arqueolóxicos cos que conta a comarca de Barbanza e contemplar as impresionantes panorámicas que ofrecen puntos como A Curota ou o monte Muralla é posible mediante as cinco rutas de sendeirismo deseñadas e sinalizadas pola mancomunidade Arousa Norte. Aínda que se trata de itinerarios que xa están establecidos, con vistas á primavera e ao verán, a entidade supramunicipal pretende poñelos en valor e melloralos levando a cabo unha serie de actuacións.

A empresa Turnauga será a encargada de desenvolver este proxecto, que consistirá, fundamentalmente, en revisar a sinalización dos sendeiros e incluso en variar algún dos seus tramos que na actualidade discorren por fincas privadas ou por vías asfaltadas. Os responsables desta firma xa están a realizar labores de campo, recollendo información entre os veciños e entre os camiñantes que percorren os itinerarios.

A rede de sendeiros de Arousa Norte está formada por cinco rutas. Catro delas atravesan os municipios de Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo; e despois hai unha comarcal que une todos estes territorios pasando polos seus puntos de interese turístico máis importantes.

Inicio no Malecón

No que respecta a Ribeira, o itinerario comeza no Malecón, onde se atopa instalado un panel informativo no que os camiñantes poden ver un mapa con todo o percorrido. Os que se animen a seguir estas indicacións visitarán o parque periurbano de San Roque, onde poderán introducirse no museo ao aire libre que recrea un antigo poboado castreño, para dirixirse despois cara o miradoiro da Pedra da Rá e cara o Castro da Cidade.

O percorrido continúa polo parque natural de Corrubedo, onde atravesa as lagoas de Carregal e Vixán mais as dunas, para pasar despois pola aldea de Sirves e chegar ata o dolmen de Axeitos. A igrexa de San Martiño de Oleiros, a ermida de San Alberto, o petróglifo da Pedra das Cabras e a praia de Coroso son os outros puntos polos que pasa este itinerario antes de volver ao Malecón. Trátase dunha ruta de 24 quilómetros, que pode facerse nunhas seis horas.

Dende a Casa Mariñeira

O itinerario deseñado por Arousa Norte para o municipio pobrense, de 18 quilómetros, ten o seu punto de partida na praza do Castelo, nas inmediacións da Casa Mariñeira. Dende alí, os sinais dirixen aos camiñantes á área recreativa do río Pedras e á zona de Pontebarbanza, dende onde se inicia a subida cara o monte Campo da Estivada, no que pode verse unha mámoa. A ruta coincide neste punto cun tramo do antigo Camiño Real, ata chegar á Portela e ao Alto das Brañas. Dende aquí comeza a baixada pola beira do río San Xoán, que permite visitar as piscinas do río Pedras, o convento da Misarela, Aldea Vella e Lesón. No último tramo, os camiñantes regresan á praza do Castelo pola mesma ruta da ida.

O itinerario que percorre Boiro tamén é circular, tendo o seu punto de saída e de chegada en San Ramón de Bealo. A partires deste parque, a ruta segue cara os muíños de Brea para continuar seguindo o curso do río Bealo, o que permite ver de preto un bo número de aceñas. Algunhas delas están restauradas, polo que é posible comprobar como funcionan antes de subir ao monte de Bealo, un ascenso que se leva a cabo por pistas forestais. Este itinerario ten unha lonxitude de 13 quilómetros.

Polo que respecta ao territorio rianxeiro, o panel informativo que marca o inicio da ruta atópase situado na aldea da Hermida, no Araño. Dende este lugar, os sinais dirixen ao camiñante cara a Ferrería, para comezar o ascenso ás aldeas de Bustelo e Campelo, así como ao monte Muralla. Esta parte é a máis atractiva da ruta de Rianxo, posto que se trata dunha zona elevada desde a que poden contemplarse impresionantes panorámica da ría de Arousa e da zona de Muros. Se o día está despexado, incluso é posible ver a catedral de Santiago.

Polo de agora, a intención da mancomunidade barbancesa é que a empresa Turnauga realice traballos de mellora dos itinerarios que percorren os municipios de Ribeira, Boiro e A Pobra. Despois, Arousa Norte analizará a posibilidade de traballar tamén na posta en valor da ruta comarcal, revisando a súa sinalización.