As editoriais advirten que o préstamo dos libros de texto pechará empresas

Ángel Varela

SANTIAGO CIUDAD

O estudo promovido pola Asociación de Editores alerta dunha baixada do 25% nas vendas no último lustro

11 ene 2008 . Actualizado a las 02:22 h.

O sistema de préstamo de libros de texto nos centros educativos é cualificado como «desastroso» para o sector editorial en lingua galega. Así de contundente é unha das conclusións do informe redactado pola unidade de investigación en psicoloxía do consumidor e usuario da Universidade de Santiago e promovido pola Asociación Galega de Editores. Segundo este estudo, datos como a baixada dun 25% nas vendas de libros de texto en galego nos últimos cinco anos poden provocar a desaparición das editoriais máis pequenas, «aínda independentes e que non foron compradas polos grandes grupos editoriais do resto do Estado».

O traballo de investigación sinala que un dos motivos da elección pola Administración autonómica do sistema de préstamo de libros, en lugar de apostar por axudas directas aos pais para que os merquen, é que aquel educa aos alumnos na solidariedade e nos valores de «coidado e conservación do material escolar para a súa reutilización por outros», pero tamén incide na vantaxe que para as arcas públicas supón a renovación que se fai dos libros cada catro anos, en lugar de doar textos aos alumnos cada doce meses.

No entanto, os autores do traballo explican que «as diferenzas económicas entre os dous modelos non son tan acusadas como podería pensarse». Segundo os datos da unidade de investigación da Facultade de Psicoloxía compostelá, a comparación dos gastos do curso 2005-2006 das autonomías coas políticas de gratuidade máis consolidadas (Castela-A Mancha, Aragón e Galicia como representantes do sistema de préstamo, e Asturias e Cantabria como exemplos da política das axudas directas) ofrece unha cifra de 105,4 euros por ano e neno na axuda directa e de 75,9 para o préstamo. É dicir, o préstamo custa as Administracións un 28% menos que as axudas directas. No entanto, o informe explica que «é posible que as diferenzas sexan menores. Para o curso 2007-2008 os orzamentos dedicados a este tema polo Goberno galego increméntanse nun 105,4%, e o custo por alumno nesta comunidade sobe ata os 102 euros. Mantendo igual o resto das variables, teríamos que o gasto medio das tres comunidades co sistema de gratuidade sería de 90,5 euros [...] Realmente as diferenzas entre os dous modelos dilúense».

O documento dos investigadores tamén apunta outras peculiaridades do mercado editorial do país, que «o fan especialmente sensible a medidas desestabilizadoras, como o sistema de préstamo». Unha destas razóns sería o reducido número de alumnos no ensino obrigatorio en comparación co resto de España -os galegos pasaron de ser o 6% (272.907) do total do país en 1999 a representar o 5,2% (224.730) no 2005-; outro dos argumentos do informe é a insuficiente presenza do galego nas materias do ensino obrigatorio, a escaseza de materiais en galego no ensino -un de cada tres centros podería sufrir este tipo de problema- e a diminución das axudas as editoriais por parte da Administración.