Rescatar aos anónimos
A profesora da Universidade de Santiago (USC) Pilar Cagiao Vila foi a encargada de dirixir estes libros, que asinou con outros dous docentes. Neste caso, a autoría compártea coa profesora María Luisa Pazos. Na introdución da obra, Cagiao explica que, nos últimos anos, foron notables as investigacións que revelaron a presenza de moitos galegos máis ou menos anónimos que cruzaron o Atlántico no principio da aventura americana e, aínda que xa eran coñecidos algúns persoeiros galegos que participaron das expedicións oficiais, seica moitos embarcaron coa única intención de facer as Américas. Dous séculos despois virían as saídas masivas de emigrantes que deixaran tan grande pegada na sociedade galega.
Daqueles pioneiros fala este primeiro volume. Dende os que se embarcaron con Colón (aínda que non hai seguridade da procedencia dos mariñeiros que se embarcaron en Palos, sospéitase polos apelidos que algún puido ter nacido en Galicia) ata os que chegaron a ostentar virreinatos como García Sarmiento de Soutomaior, segundo conde de Salvatierra e Marqués de Sabroso, que gobernou Nova España entre 1642 e 1648, afrontando inundacións, terremotos e algo aínda peor: a loita entre os xesuítas e o bispo Palafox, que puxo a proba o talante e a capacidade para gobernar deste virrei galego.