«Teño interese en catalogar os escudos da vila de Noia»

Sara Ares NOIA

SANTIAGO CIUDAD

Entrevista | Xoán Xosé Mariño Reino Este profesor, que imparte clase en Muros, opina que o patrimonio da bisbarra se atopa, en liñas xerais en bo estado, aínda que di que hai casos sangrantes de abandono

22 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago, Xoán Xosé Mariño Reino imparte docencia desde o ano 1984. Logo de dar clase nos institutos de Noia e O Son, marchou destinado ao centro Fontexería de Muros, no que leva 11 anos. Comparte a súa dedicación profesional co seu labor de investigador, que reflectiu en varios volumes que ten publicado ao longo dos últimos anos sobre o patrimonio da zona e, en especial, da vila na que reside, Outes. -Xunto con Concha Allut, estou a facer unha catalogación do patrimonio das parroquias de San Martiño e Santa Mariña do Obre. Fáltanos por entregar dúas carpetas e a nosa idea é que algún día chegue a ser publicado. A maiores, teño na imprenta o primeiro tomo do inventario de bens da arquitectura popular de Outes, que vai dedicado aos muíños e fontes. Non sei se sairá este ano. -¿Cal é ese traballo que lle gustaría facer, pero para o que aínda non atopou o momento oportuno? -Teño interese en catalogar todos os escudos de Noia, que son máis de douscentos. A reportaxe fotográfica xa está lista, pero mentres non remate cos traballos que teño pendentes non me quero poñer con este tema. -A grandes trazos, ¿como cualificaría a situación, no que a mantemento se refire, dos monumentos e bens de interese que están esparexidos pola comarca? -En xeral, eu diría que temos un patrimonio ben conservado e que, de feito, é un dos principais atractivos desta zona. Iso non quita que haxa casos sangrantes de abandono, que necesitan unha intervención, como a capela de San Bernardo ou a ponte de Traba. -De todas cantas actuacións se levan feito para poñer en valor o patrimonio da bisbarra, ¿con cal se queda? -Coa intervención que se fixo na casa de cultura Antón Avilés de Taramancos. Era un edificio en estado ruinoso e converteuse nun referente. -¿Que bens artísticos cre que deberían ter unha maior proxección internacional? -O castro de Baroña, o dolmen de Axeitos, as laudas e os petróglifos Laxe das Rodas, de Louro.