O Concello de Mondariz-Balneario recoñecerá a figura do empresario galeguista Enrique Peinador

La Voz Á. P. | MONDARIZ-BALNEARIO

SANTIAGO CIUDAD

26 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

?epresentantes da cultura galega pediron onte ao alcalde de Mondariz-Balneario, Xosé Antonio Lorenzo, que propoña á corporación o nomeamento como fillo adoptivo a título póstumo ao empresario galeguista e mecenas Enrique Peinador Lines, finado en Vigo en 1940. O acto, no que se asinou un documento recollendo esta solicitude, estaba promovido pola Fundación Premios da Crítica Galicia, e contou coa presencia de, entre outros, o académico Xosé Luis Franco Grande, a vicerrectora da Universidade de Santiago, Mar Lorenzo Moledo, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o editor Bieto Ledo Cabido. Lorenzo mostrou o agradecemento á iniciativa da Fundación Premios da Crítica, que vai ser tramitada nos próximos días, e sinalou a necesidade de recoñecer a figura histórica esquecida de Peinador, quen herdou do seu pai o balneario e convertiu a vila termal nun foco da cultura galega e española. Estaba prevista a asistencia de Xaime Isla Couto, Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo, pero problemas de saúde dos dous primeros e de axenda de Díaz Pardo impediron a xuntanza destas figuras senlleiras do galeguismo.