David Barbeira: «A nosa poboación está protexida»

emilio forján SANTA COMBA / LA VOZ

SANTA COMBA

CEDIDA

O alcalde xalleiro afirma que o impacto da pandemia no seu concello está controlada e estable

26 abr 2020 . Actualizado a las 05:05 h.

A situación está «estable e controlada» en Santa Comba: 25 veciños deron positivo no test, pero moitos xa foron dados de alta, polo que hai uns 14 positivos e máis dun cento de persoas que deron negativo na proba. Así o relata o alcalde xalleiro David Barbeira, de Compromiso por Galicia.

-Sábese a orixe dos contaxios?

-Que nós saibamos, dos rapaces que foron a Roma só houbo un que deu positivo. Eu creo que a raíz dos contaxios é que somos un cruce de camiños de xente e, coa poboación que temos, tarde ou cedo sabiamos que ía chegarnos.

-E aumentaron as familias en situación de vulnerabilidade?

-Si que aumentou un pouco. Estamos agora en 110 familias, fronte ás 80 que había antes da crise. Agora mesmo sacamos unha partida de 3.000 euros para a compra de alimentos, estamos vendo a posibilidade de non cobrarlle algúns impostos municipais e falando con empresas como Viaqua para o recibo da auga.

-De que medida se senten máis satisfeitos?

-Síntome satisfeito en xeral, porque creo que fomos anticipándonos no material de protección, ou nas desinfeccións de edificios e rúas. En canto as mascarillas, somos un dos poucos concellos que pode dicir que a nosa poboación está protexida, con máis de 9.000 unidades reutilizables e con filtro distribuídas. Quero recoñecer o traballo arreo de más de 50 costureiras e as doazóns de material.

-O PP propuxo botar man de 2,5 millóns do remanente?

-Estamos falando con Intervención para concretar a dispoñibilidade de fondos, e vendo posibles medidas. Agradezo que a oposición estea disposta a tomar medidas, pero, desde a miña humilde opinión, non creo que agora o sector gandeiro sexa o máis afectado pola crise, por iso o que si faremos é estudar que sectores son agora mesmo os máis vulnerables. Evidentemente, 2,5 millóns de euros son moitos e hai que estudalo detidamente porque Santa Comba é un concello grande onde as infraestruturas precisan un mantemento.

-Algún plan de axuda ao comercio local?

-Temos en mente un proxecto coa Asociación de Empresarios e con todos os sectores pechados para crear unha plataforma con bonos que os veciños poidan adquirir agora para que, cando abran eses negocios, compren neles. É algo que estamos vendo.

-Teñen unha comisión de seguimento. Funciona?

-Pois si. Cada semana, onde está unha portavoz do PSOE e outra do PP. Aí vaise dando conta de todo o que se fai e achegando propostas como adquirir unha partida de mascarillas FFP2 para a xente máis vulnerable, porque ata o día de hoxe gastamos pouco en material de protección grazas ás doazóns. Tamén imos falar co resto de concellos da Asociación Terras de Compostela para facer un escrito á Deputación para que os que teñamos préstamos do Plan de Aforro e Investimento (PAI) se cancelen, así poderiamos reactivar a economía nos concellos con eses fondos.