Buscan situar a que foi a maior mina de volframio de Europa como «enclave de valor turístico»

Emilio Forján

SANTA COMBA

CEDIDA

Un centro de interpretación acollerá o material que será recompilado, incluíndo as testemuñas vitais de traballadores da mina, auténticos tesouros que aínda sobreviven

31 jul 2019 . Actualizado a las 10:29 h.

O Concello de Santa Comba quere facer unha aposta definitiva pola visibilidade de recursos de gran valor turístico e patrimonial da zona; e a minaría, a historia da mina de Varilongo, as vivencias dos seus protagonistas e os espazos que determinaron estas historias son os eixes para a recuperación do valor diferencial deste entorno e do seu pasado.

Esta idea foi compartida polo alcalde de Santa Comba, David Barbeira García, nunha primeira xuntanza cos representantes da Cámara Oficial Mineira de Galicia, que xa está colaborando con outros concellos en recuperar e dar visibilidade a entornos singulares da minaría e da xeoloxía. Tanto o seu presidente, Juan de Dios Martín Aparicio, como o seu director, Diego López González, expresaron a mellor das predisposicións para que ambas entidades, asinasen un convenio, a través do cal a Cámara poida colaborar, tutelar, aportar información e axudar en xestións ao Concello no desenvolvemento deste proxecto.

«A potenciación turística é un proceso longo, que debe de ir avanzando cara ao aproveitamento da contorna mineira e das galerías accesibles para futuras visitas guiadas e eventos deportivos», pero os primeiros pasos deben de ser seguros, segundo asegurou o rexedor. O camiño pasa por colocar a contorna do monte Varilongo e as zonas próximas das parroquias de Santa Sabiña, San Salvador e Grixoa de Esternande como un enclave de valor turístico que ofrecer aos visitantes, completando a posible oferta coas contornas fluviais do río Xallas, o sendeirismo e os deportes na natureza, o patrimonio relixioso e arquitectónico, e a rica gastronomía de Santa Comba.

Procura de material

Os primeiros pasos serán a recompilación de todo o material fotográfico e específico que se poida, coa temática da minaría e da historia do volframio como eixo condutor, para despois poder instalar, conservar e dinamizar un futuro museo da minaría e un centro de interpretación no antigo edificio principal de Varilongo, que no seu día foi restaurado para tales fins, pero que aínda a día de hoxe permanece sen un uso específico.

Para esta recompilación, ademáis dos fondos fotográficos que conserva o Concello, un equipo de traballadores coa colaboración de voluntarios que lles interese a temática, realizarán unha busca aberta e activa de materiais interesantes para o futuro museo. Unha vez catalogada e recollida a historia de cada elemento ou fotografía, gardarase e habilitarase un espazo para a súa visita. E recolleranse as historias vitais de antigos traballadores da mina, auténticos tesouros que sobreviven, pero con alto risco de perderse pola súa avanzada idade.

A maior mina de volframio de Europa deixou moitos mortos

[E. forján] A mina de Varilongo foi promovida no ano 1914 para a explotación de ferro e cuarzo, ata que en 1941 descubriuse que había un mineral máis valioso como era o volframio, usado para a pólvora na Segunda Guerra Mundial, pois, por exemplo, os proxectís triplicaban a súa potencia aplicando este material. Cando se descubriu a mina, o quilo de volframio custaba 200 pesetas. Nos anos oitenta a producción foise incrementando nun 50 %, sendo a produción da mina de Varilongo a maior de España e de Europa. Chegou a conseguir a cifra de case 250.000 toneladas de concentrado de volframio no ano 1984 e preto de 20.000 toneladas de estaño, así como indeterminadas cantidades dun produto mixto de volframio e estaño.

O volframio en Varilongo é un libro da escritora xalleira Carmen Blanco Ramos que reflicte moi ben a historia destas minas entre os anos 1941 e 1963, sobre todo durante a Segunda Guerra Mundial en que o chamado ouro negro cobrou gran importancia polo seu valor económico e a loita entre ingleses e alemáns por lograr o recurso. A extracción de volframio contaba cunha serie de perigos, pois un simple fallo faría que as persoas que estivesen baixo chan falecesen case no acto, pois necesitábanse explosivos para extender a mina, o cal ocasionou moitas mortes. A mina do Carmen foi explotada ata o ano 1985 e existe un proxecto para a súa reapertura.

O alcalde de San Comba, David Barbeira, amosouse moi ilusionado con este proxecto, como parte dixo, «da recuperación do orgullo de ser xalleiros e da nosa historia», segundo precisou. A idea é ampliar esta busca e catalogación do patrimonio histórico xalleiro a outros ámbitos, pero, sen dúbida, a contorna de Varilongo e a minaría serán uns dos primeiros expoñentes que o Concello de Santa Comba pretende revalorizar pola súa importancia histórica.

O Concello de Santa Comba solicita a colaboración cidadá para recompilar fotos antigas e outros materiais e testemuñas que poidan servir para constituír os fondos do futuro museo da minaría de Varilongo