Doro: «En Santa Comba lle damos moito valor á Copa da Costa»

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO SANTIAGO / LA VOZ

SANTA COMBA

BASILIO BELLO

O capitán do Xallas fixo pleno: gañou o trofeo as sete veces que xogou a final

20 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sergio Prego Cancela, Doro, (Santa Comba, 1977) leva sete de sete. Xogou sete finais da Copa da Costa e levantou sete veces o trofeo. Xa se parece ao Real Madrid, que gaña cada final que xoga. O capitán do Xallas rise con iso: «Xa os compañeiros me din que sempre gañan os mesmos, igual que o Madrid coas Champions». Co Xallas leva catro. A primeira a gañou co Atlético Mineiro, no 2004. Co Santa Comba e co Dumbría acadou as outras dúas.

?O 3 de novembro cumpre 41 anos e Juanito, que acaba de levantar a Copa do Sar co Sigüeiro, chegará aos 49 en decembro.

?Enfronteime a Juanito en Terceira co Xallas cando el estaba no Narón. Xa nos riamos daquela cos anos que íamos cumprindo. Oxalá eu chegara aos 49 en activo, pero non será doado. Mirando os clubs dos arredores e falando de xogadores coñecidos, Juanito é unha grande referencia, é unha persoa moi humilde, que estivo en Primeira División, sen dúbida, un dos referentes nos que hai que fixarse.

?¿Para cando a súa retirada?

?Non chegarei aos anos de Juanito. O vexo un pouco difícil. O físico non é o mesmo, aínda que me coido bastante. En Preferente hai que adestrar tres ou catro días á semana, temos viaxes moi longos, case máis que na Terceira División. E a familia reclama máis tempo. Nesta categoría lle quitas moito tempo, pois traballas polo día e chegas ás once da noite a casa logo dos adestramentos. O nenos precisan pasar máis tempo con seu pai.

?¿Que lle din os seus fillos Álex, de sete anos, e Lucas, de catro, cando chega a casa?

?A eles lles encanta vir a mirar os partidos. Sempre preguntan cantos goles marquei.

?Pero vostede non é moi goleador, ¿non?

?Intento sempre estar entre os máximos goleadores do equipo. Ando por dez ou quince cada tempada, agás esta última, pois estiven moito tempo mancado. Tiven tres o catro roturas de fibras e comecei mal o ano ao romper un cóbado. Case que perdín media tempada, pero cheguei a tempo para as últimas xornadas e para a final da Copa da Costa, un trofeo moi importante para nós e ao que en Santa Comba lle damos moito valor. É moito prestixio para o club.

?O Xallas partía como favorito na final, pero gañar foi máis complicado do que se agardaba.

?Nunha final sempre custa gañar. A xente chega moi cansa a estas alturas do ano. Hai unha semana xogamos cinco partidos en nove días ao coincidir a liga coa copa e a plantiña non é longa. E iso que este ano tivemos un final de liga bastante tranquilo, pois noutros anos chegamos pelexando pola permanencia. Cos arrastres que hai cada ano case que tes que quedar na metade da táboa para salvarte.