O pago con «costavales» chega á área de Santiago

E.F. SANTA COMBA / LA VOZ

SANTA COMBA

CEDIDA

A implantación desta moeda virtual paritaria co euro terá unha aplicación móbil financiada pola UE

11 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Costavales presentou o seu proxecto de dinamización e impulso da economía local a través da aplicación móbil para o uso de costavales, moeda virtual paritaria co euro, que será cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), executado polo

Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela, que lle adxudicou a máxima puntuación dentro dos proxectos non produtivos.

A iniciativa vaise a desenvolver nos concellos de Negreira, A Baña, Val do Dubra, Ames, Brión, Santa Comba, Teo, Boqueixón, Vedra e o rural de Santiago.

A implantación dunha aplicación móbil para a xestión dos costavales, que agora xa está a funcionar en soporte papel entre o comercio e empresas de Santa Comba, ten como obxectivo a mellora do sistema «xa que unha plataforma tecnolóxica on line vai a supoñer unha maior achega a todos os usuarios do sistema, transaccións máis áxiles e maior control dos vales» segundo sinalan os seus impulsores.

Entre os obxectivos do proxecto, a asociación Costavales destaca o impulso á economía local «a través dunha ferramenta inexistente no noso territorio, fomentando o consumo de produtos locais, favorecendo a achega e o uso das novas tecnoloxías».

Tamén está deseñado para favorecer o traballo en rede e o asociacionismo no entorno máis rural, a procura da mellora social dos colectivos máis desfavorecidos e ofrecer unha ferramenta aos concellos para que as axudas de emerxencia social que se entreguen a colectivos desfavorecidos se redirixan ás empresas locais que acepten costavales.