María Pose: «Demos un paso moi importante para mellorar a vía a Santiago»

emilio forján SANTA COMBA / LA VOZ

SANTA COMBA

PACO RODRÍGUEZ

A rexedora de Santa Comba afirma que hai vontade política e previsión orzamentaria da Xunta para completar a estrada

29 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

María Pose Rodríguez, a alcaldesa de Santa Comba, valora «positivamente» o recente anuncio da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, da licitación antes do 31 de decembro da primeira fase da variante de Salgueiroas, nas comunicacións do Xallas con Santiago.

-¿Despegue definitivo para a mellora da estrada a Santiago?

-É evidente que demos un paso moi importante. Agora xa falamos da licitación dun treito que se vai contratar en poucos meses e tamén dun proxecto de continuidade, porque mentres se execute unha fase xa se estará avanzando no seguinte treito.

-¿Cales son as previsións para os sucesivos tramos?

-O primeiro treito xa se licita este ano cun orzamento de 4,3 millóns de euros, e tamén neste 2017 vaise contratar a redacción do treito ente Abuín e Faílde. Hai previsión orzamentaria e vontade política por parte da Xunta para continuar ata completar toda a estrada, e eu como representante dos veciños de Santa Comba vou a seguir insistindo para acelerar todo o máximo que se poida.

-¿Como repercutirá na xente?

-A repercusión será moi positiva a todos os niveis para Santa Comba. Estamos ante unha vella reivindicación da xente, que será a máis beneficiada.

-¿Que conclusión extrae da entrevista co presidente da Deputación sobre a mellora da comunicación con Coristanco?

-Foi positiva. Agora agardamos que as intencións se convertan en feitos e haxa vontade política para dar solucións ás demandas dos xalleiros que, entre outras cousas, queren unha óptima comunicación con A Coruña.

-¿Fai especial fincapé en eliminar o tramo de Ponte Abelleira e Hospital?

-Presentamos un borrador e plantexamos unha mellora integral da estrada de Santa Comba a Coristanco. Pero na conversa con González Formoso falouse de actuacións prioritarias e para nós, sen dúbida, é fundamental a eliminación de curvas en Ponte Abelleira e Hospital.

-Tamén existe demanda para outras melloras. ¿Cales son?

-Entre elas, a ordenación do tráfico no cruce de Santa Catalina, que rexistra unha alta siniestralidade. Tamén quixemos reactivar a demanda dunha senda peonil en Barbeira. Hai un proxecto presentado e estamos xestionando a súa execución. E logo falamos doutros temas, como a mellora no cruce de San Salvador, no que estamos traballando e agardo que se vaian confirmando.

-Sobre a rede viaria municipal, ¿que melloras se van realizar neste mandato?

-Estamos traballando na mellora da rede viaria do casco urbano e das parroquias. Temos moitos quilómetros de vías e estamos dando solucións dentro das nosas posibilidades. Agora mesmo no casco de Santa Comba e en distintos lugares, pero agardamos avanzar no que resta de mandato con distintos proxectos. Por exemplo, rematamos unha actuación moi necesaria na vía principal da parroquia de Freixeiro, e imos mellorar unha vía moi demandada, a que comunica Traba con Val do Dubra, a través de Vilamaior. E tamén a parte de Estévez a Traba. Chegaremos a todas as parroquias.

-¿En qué situación está a nova EDAR? ¿Vaise aumentar a rede de colectores ou saneamento?

-Santa Comba vai dar un paso adiante e de futuro neste aspecto. Estamos traballando para sacar a contratación o ciclo integral da auga no concello. Penso que é o punto de partida para facer unha xestión máis eficiente dos nosos recursos e prestar un servizo de alta calidade.

-Os veciños de San Cristovo piden solución ao problema da rede de auga. ¿Que pensan facer?

-Traballo neste tema desde que estou na alcaldía. Nun ano de goberno socialista non se avanzou nada e agora podo dicir que estamos a piques de acadar unha solución. O proceso administrativo demorouse máis do desexado e hai tamén un procedemento xudicial por medio, pero eu estou en contacto cos veciños e non lles vou fallar. Estamos traballando para dar xa unha solución provisional aos veciños de Truebe e unha definitiva aos de San Cristovo e o Ribeiro.

«Estamos traballando para sacar a contratación o ciclo integral da auga no concello»