Celebraron a súa unión nunha festa na parroquia que queren repetir cada ano
21 jul 2026 . Actualizado a las 10:14 h.1 A familia Clemente de Buxán, no concello de Rois, xuntou o sábado a máis de 70 persoas das tres xeracións que a forman. Os irmáns Pepa (82 anos), María (79), Carmen (77), Delia (75), Peregrino (73), Manolo (71), Maximino (68) e Isabel Rodríguez Regueira (65 anos), ademais da cuñada Virginia Potel (viúva de Pepe, o único irmán falecido), xuntaron a fillos e netos nunha comida popular celebrada no teleclub da parroquia de Buxán, de onde é orixinaria e onde seguen residindo boa parte deles. Entre Pepa, a irmá de máis idade, e Daniel, o neto máis novo, hai máis de oitenta anos de diferenza. Acostumados a verse tódolos veráns en vodas, comunións ou bautizos, este ano decidiron xuntarse igualmente ao non ter no calendario ningún evento social, polo que esta familia fai certo o dito de que «se non hai festa, facémola nós». E así foi. Arredor da mesa non faltaron os bicos, abrazos, bos desexos, conversas para poñerse ao día da vida dos que menos se ven, algunha presentación inesperada e, sobre todo, ganas de compartir e de divertirse en familia, incluso coas pistolas de auga dos máis pequenos. Dos nove irmáns Rodríguez Regueira, seis casaron na propia parroquia, na que seguen residindo sete deles, en moitos casos coa seguinte xeración preto. Entre os seis que casaron en Buxán está o caso de Pepe, o único falecido, que o fixo coa irmá do relixioso que entón era párroco do lugar, Virginia. Nunha boa xuntanza da familia Clemente non pode faltar a baralla, de modo que a xornada rematou con dúas partidas: unha de homes xogando ao truco e outra mista á belisca. E así é como lle gusta a festexar a esta familia, con celebracións caseiras nas que non haxa hora para levantarse da mesa. De feito, ata pouco antes da pandemia, os Clemente sempre se reunían unha vez ao ano no que eles chaman os «rixóns». Era a festa coa que María, a irmá que quedou na casa principal, seguía coa tradición dos pais, Evaristo e Felisa, de reunir á familia arredor deste prato feito trala matanza do porco, de modo que na casa de Picadizo teñen comido máis de 60 persoas, repartidas entre a antiga taberna, o comedor, outro cuarto pequeno e a cociña. Agora, visto todo o compartido o sábado por esta familia, Evaristo e Felisa, que faleceron moi novos con tres semanas de diferenza, seguro que estarían orgullosos dos seus descendentes, que quedaron de volver a xuntarse cada ano, a pode ser todos os que están, máis os que non asistiron e, se cadra, dando a benvida á cuarta xeración dos bisnetos.