As pandeireteiras de Rois: unha historia de infancia, identidade e música compartida

ROIS

Catro das pandereteiras de Rois, coa mestra (no centro), no edificio multiusos do municipio
Catro das pandereteiras de Rois, coa mestra (no centro), no edificio multiusos do municipio JUAN MARTÍNEZ

O grupo creado en 1986 por alumnas do colexio dos Dices doou as pezas recollidas e o seu repertorio para as futuras xeracións

05 jun 2026 . Actualizado a las 08:31 h.

Rois é terra de pandeireteiras. Nos anos sesenta, as de Buxán foron o primeiro grupo en cobrar por actuar e, na historia máis recente, as de Rois representaron unha nova xeración que comezou a tocar na escola e que, «dende o primeiro día, entregámonos por completo á pandeireta», conta Mercedes Autrán. En representación da agrupación, a veciña de Casas do Porto resumiu a traxectoria do grupo na inauguración da exposición sobre a pandeireta galega, que se pode ver ata o día 11 no multiusos de Rois. O acto serviu, ademais, para que as Pandeireteiras de Rois doasen ao Consello da Cultura as pezas gravadas polo grupo no ano 1986, para ser incorporadas ao Arquivo Sonoro Galego. A maiores, tamén doou o repertorio da agrupación, que «tantos éxitos nos dou naquela década», conta a pandeireteira. Todo comezou en 1986 no colexio dos Dices, cando a mestra de Lingua Galega, Cristina García, tivo a idea de crear o grupo. «Todo valía para practicar: un lapis, un caderno, un anaco de cartón... A pandeireta vivía con nós constantemente», lembra Mercedes. Cando xa tiñan os ritmos básicos, as alumnas preguntáronse que podían cantar. Foi entón cando unha delas, Cristina Reboiras, da Chisca, en Buxán, comentou que tiña unha veciña, Josefina Caeiro, que sabía tocar e cantar coa pandeireta dunha maneira extraordinaria. Foi a primeira persoa á que foron gravar e, sen sabelo, atoparon «un auténtico tesouro: cintas de casete con cancións tradicionais, letras apuntadas nun caderno e unha parte da memoria oral gardada para sempre», rememora Mercedes. Con aquel material, as alumnas de Rois comezaron a crear os seus propios temas. «Queriamos soar como as pandeireteiras de Buxán, que tocaban a unha velocidade impresionante», conta a veciña de Rois. No ano 1987, a profesora anotounas nun concurso organizado por Cantigas e Agarimos no colexio La Salle de Santiago. A pesar da súa curta traxectoria, conseguiron o primeiro premio cunha peza creada por elas mesmas, A Ribeirana, inspirada na tradición das pandeireteiras de Buxán. Mercedes Autrán fala de que a docente de Lingua Galega conseguiu que «a pandeireta non fora só un instrumento, senón un símbolo de valentía, autoconfianza, creatividade e, sobre todo, de familia». Cristina García marchou do centro e chegou Mercedes Rodríguez, quen «non só mantivo vivo o proxecto senón que o fixo medrar», rememora. Con ela retomaron as visitas ás aldeas, onde recolleron as pezas de Rosa Bralo e Herminia Curra, porque naquela época «a música gardábase na memoria das avoas e non nos libros», lembra a veciña de Casas do Porto. A agrupación actuou ata que as alumnas cumpriron os 16 anos e, máis alá dos premios, Mercedes Autrán destaca que o importante «foi todo o que vivimos xa que esta é unha historia de infancia, de identidade, de memoria e de música compartida. Oxalá inspire a outras nenas e nenos a coller a pandeireta», conclúe.