Rois terá un mapa sociolingüístico escolar

ROIS

JUAN MARTINEZ

O Concello asina un acordo coa Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua para elaborar o documento e avanzar na promoción do galego

24 mar 2026 . Actualizado a las 14:55 h.

O Concello de Rois, a Real Academia Galega (RAG), e a Secretaría Xeral da Lingua asinaron o luns o acordo de colaboración que permitirá realizar o mapa sociolingüístico escolar do municipio. O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, o alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, rubricaron o documento que formaliza a cooperación entre as tres institucións para que o Concello conte cun diagnóstico detallado sobre a situación do galego entre o alumnado de infantil, primaria e secundaria.

Rois é o quinto concello de Galicia que traballará co Seminario de Sociolingüística para desenvolver unha investigación que ten como obxectivo «servir de base para unha mellor planificación das accións de normalización do galego», lembra o presidente da Academia. «Este é o primeiro acordo desta natureza que asinamos cun concello pequeno en poboación. Somos conscientes do esforzo que significa para Rois e agradecemos a súa implicación, tamén a colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, que nos permitirá estudar polo miúdo por primeira vez o estado da nosa lingua entre a poboación máis nova dun municipio de carácter marcadamente rural que non chega aos 5.000 habitantes. O seu interese no eido da investigación sociolingüística, polo tanto, vai máis aló de Rois», sinala Henrique Monteagudo.

O alcalde, Ramón Tojo, agradeceu a colaboración da RAG e da Secretaría Xeral da Lingua para elaborar «este mapa sociolingüístico, que nos vai axudar a realizar unha dinamización da lingua galega que sexa efectiva. Queremos saber cal é o punto de partida de Rois no que atinxe ao uso do galego e ás actitudes de cara ao noso idioma dos 409 alumnos e alumnas menores de 16 anos que temos nos centros educativos do municipio», asegurou Ramón Tojo, quen resaltou o feito de que «Rois é o primeiro concello con menos de cinco mil habitantes que asina este acordo, como xa fixeron Ames, Carballo, Pontevedra ou Santiago».

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, fixo fincapé na importancia «de contar coa cativada na posta en valor da nosa lingua e da nosa cultura». Neste senso, destacou que son as xeracións máis novas, xunto coas súas familias, «un dos contextos nos que desde a Xunta poñemos o foco con medidas como os programas 21 días co galego e +, o Falamos + ou as distintas iniciativas para promocionar contidos audiovisuais a través da plataforma Xabarin.gal».

Ao acto tamén asistiron a coordinadora do Seminario de Sociolingüística, a académica María López-Sández; a técnica de Normalización Lingüística de Rois, Inmaculada Seage; e o técnico da RAG Xaquín Loredo.