Escolares do colexio de Urdilde, en Rois, fomentan a adopción de animais

Uxía López Rodríguez
uxía lópez ROIS / LA VOZ

ROIS

UXÍA LÓPEZ

Colgaron no peche do recinto escolar fotografías plastificadas cos gatos e cans que se poden adoptar na entidade Callejeros Barbanza

19 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un proxecto social desenrolado no Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Pumar de Urdilde, no concello de Rois, busca impulsar a adopción de cans e gatos, neste caso vinculados á entidade Callejeros Barbanza. A idea partiu do propio alumnado do terceiro curso de Educación Infantil que, segundo conta a súa mestra, Marta Bravo, quería traballar nalgunha actividade sobre animais e, máis concretamente, sobre cans e gatos.

Así, ademais de coñecer as características propias das dúas especies, a docente pensou en ir máis alá para tratar o tema do abandono e as adopcións e afondar en «valores como o respecto, a solidariedade e a tenencia responsable», de modo que se vaian concienciado da necesidade de todo iso, conta a profesora.

Deste xeito, para fomentar e darlle visibilidade as adopcións, decidiron colgar no peche do recinto escolar fotografías plastificadas cos gatos e cans que se poden adoptar na entidade Callejeros Barbanza, así como unha frase escrita en cada unha delas, a modo de mensaxe que envía o animal para ser adoptado. Así, xa se produciu unha adopción, a dunha gata chamada Tanxu e o centro espera que, detrás desta primeira, veñan outras máis.

A iniciativa dos escolares de Infantil gustou tanto entre os compañeiros que mesmo os estudantes de sexto curso de Primaria se sumaron e tamén colgaron fotos de animais en adopción, noutro tramo do peche. Este sitúase na pista que conduce ao campo de fútbol e ao pavillón polideportivo, co que o colexio agarda que as fotografías dos animais en adopción teñan a visibilidade que se merece. E todo para, segundo explica a docente, concienciar da temática do abandono e inculcar aos nenos os «valores de respecto, solidariedade e de axudar aos demais, que é importante extrapolar ao resto da vida», sinala Marta Bravo.

Ao mesmo tempo, os escolares recollen penso, xoguetes e outros artigos para doar ao mercado solidario que celebra a entidade Callejeros Barbanza. Ademais, acaban de recibir a visita de Malibú, unha cadeliña rescatada do abandono que está na Casa Grande de Xanceda, no concello de Mesía, dentro dun proxecto de educación en valores aos nenos para que coñezan a responsabilidade de ter un animal, fomentando a adopción e o respecto e loitando contra o abandono.