«No rural hai moita vida»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez ROIS / LA VOZ

ROIS

MERCE ARES

Sogra e nora de Urdilde, en Rois, relatan a súa vivencia traballando a terra

01 nov 2021 . Actualizado a las 21:28 h.

Ermitas Suárez, de 72 anos e Rocío Silva, de 40, sogra e nora, son dúas das protagonistas do vídeo que editou o Concello de Rois con motivo do Día Internacional da Muller Rural. A primeira fundou en 1982, xunto co seu home José Neo, a empresa Legumbres Ermitas, dedicada neste momento ao cultivo de leitugas a cuberto, en varios invernadoiros que ocupan 5.000 metros cadrados no lugar de Macedos, en Urdilde.

Rocío Silva e o seu home, Jesús Neo, tomaron o relevo cando se xubilou Ermitas Suárez. Esta está moi orgullosa do que foi o seu medio de vida, que buscou tras perder terreo e non pode seguir coa explotación de vacas de leite. «O meu home e máis eu empezamos con 500 metros cadrados de cultivo e vimos que, aínda que era algo novo, aí había futuro». E vaia se o había, tanto que foi o seu medio de vida e tamén llo deixaron á seguinte xeración.

Esta traballa hoxe 5.000 metros cadrados e Ermitas Suárez ten claro que «non volvería ás vacas a menos que tivese que pasar fame», pero polo traballo que dan, precisa. «É moi bonito traballar na terra, ir a vender e vir cos cartiños frescos para a casa», asegura. Ela era a que se encargaba do reparto, ata que se xubilou. «Para unha muller ir daquela cun camión podía supoñer un risco, pero para min foi como levar un coche pequeno», conta a veciña de Urdilde no vídeo editado polo Concello.

«Houbo malas e boas colleitas, pero nunca nos demos por vencidos e cando eran malas ao día seguinte aínda te levantabas con máis gañas de saír adiante», explica Ermitas Suárez. Esta engade que «aínda hoxe loito polos postos de traballo do meu fillo e da miña nora como se estivese activa», di en alusión a que «os meus coñecementos e os do meu home seguen aí para eles, para o que lles faga falla», algo que corrobora a nora que afirma que «eles aportan a experiencia de 40 anos e iso nótase».

Rocío Silva está moi feliz coa decisión de continuar co cultivo e de traballar no rural. «Hoxe en día para empezar de cero unha empresa no rural hai que ter moita gana de traballar», segura no vídeo do Concello. «O maior beneficio é traballar na empresa familiar e poder criar ás miñas fillas; é unha satisfacción conciliar un traballo que che gusta e máis a vida familiar», sinala Rocío Silva. Sogra e nora apostan polo rural e coinciden en que nel «hai vida e hai traballo».