Os primeiros trillizos nados este ano no Clínico medran na súa casa de Rois

Uxía López Rodríguez
uxía lópez ROIS / LA VOZ

ROIS

MERCE ARES

Os pais, de A Peruca, teñen outro fillo de catro anos e contan que ían pola nena

13 jul 2021 . Actualizado a las 00:30 h.

A chegada dun bebé sempre enche unha casa, pero se son tres énchena e revoluciónana por completo. Sábeno ben Isidro Pérez Magán, de 35 anos, e Raquel Gil Pose, de 32, veciños de A Peruca, no concello de Rois, que o 2 de abril foron pais de trillizos, co que aumentaron a familia que xa formaban co seu fillo Lucas de 4 anos. Anxo, Iago e Cynthia son os primeiros trillizos nados este ano no Hospital Clínico de Santiago e veciños dun concello no que xa non se lembra cando naceron os últimos trillizos.

Isidro e Raquel contan que ían pola nena, despois de ter a Lucas, e a princesa veu, pero acompañada de dous irmáns máis, despois dun «embarazo horrible», en palabras da nai, que aínda se está recuperando. Nas primeiras probas no centro de saúde de Rois contaban cun so bebe, polo que ela seguiu traballando ata que se atopou mal e foi a un médico privado, que xa «nos falou de dúas bolsas xestacionais», polo que contaban con mellizos, din.

Seguiu atopándose mal e foi ao servizo de Urxencias do Clínico, onde lle confirmaron que eran tres: dous xemelgos (Anxo e Iago) e a nena. «Cando nos dixeron que eran dous bebés reaccionamos ben; con tres xa quedamos parados», relata o pai.