O novo Camiño da Ría de Muros-Noia dálle vida e impulso a Urdilde, en Rois

Uxía López Rodríguez
uxía lópez ROIS / LA VOZ

ROIS

MERCE ARES

«O Camiño é bo para todos; é vida para o lugar e unha oportunidade que debemos aproveitar todos», dice Vanesa Chico

04 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O recoñecemento en decembro pasado do Camiño da Ría Muros-Noia volve dar visibilidade a un dos núcleos principais do municipio de Rois, o de Urdilde, por onde pasa o trazado da nova ruta xacobea. O lugar, que quedou adormecido trala apertura da autovía Brión-Noia e do peche de entidades bancarias asentadas dende había moito tempo, ten na ruta unha oportunidade «de revitalizarse». Así o cre Vanessa Chico, veciña do lugar de 37 anos e titular do establecemento O Estanco, agora convertido nunha tenda do Camiño.

Seus pais abriron o local no ano 1988 e mantivérono activo ata 2018, cando pechou. No 2020 ela volveuno a abrir, en parte para non perder a licenza de estanco, pero cunha filosofía distinta. A primeira idea era montar unha pequena ecotenda e de produtos ultramarinos gourmet, pero a pandemia mudou esa idea inicial e, finalmente, abriu con produtos básicos, que aínda mantén na actualidade, pero agora xa con maior presenza doutros ecolóxicos e, sobre todo, galegos e locais. A curto prazo incorporará, ademais, un punto de venda de artesanía galega.

Esa é a aposta de vida desta veciña de Urdilde que, no ano 2016, escoitou por primeira vez que o trazado pasa polo lugar. «¿Como que o Camiño pasa por Urdilde?», pensou, e dende entón non deixou de estar informada sobre o tema, no que veu unha oportunidade de vida ao abrir o negocio no local no que tantos anos traballaran seus pais.