Santiago: Unha nova ruta difunde o Castro Lupario e o seu entorno en Rois
Acaba de sinalizala o Concello para dar a coñecer unha zona de valor histórico
Rois / La Voz
O Concello de Rois, xunto co de Brión, ven de sinalizar unha ruta no Castro Lupario e o seu entorno, que ten un percorrido base de 3,6 km e distintas variantes coas que se pode alongar ata os 4,5 km. O seu carácter circular permite comezala en diferentes puntos, aínda que no vídeo elaborado polo Concello para dala a coñecer se aconsella iniciala no Xardín do Recordo do pazo do Faramello, por ser un lugar no que é doado estacionar.
Os lugares de interese que atravesa este itinerario son a Ponte Paradela, o Castro Lupario, a aldea e área recreativa de Angueira de Castro, o río Tinto e o Pazo do Faramello, entre outros. Para a elaboración do vídeo promocional, a cargo da empresa compostelá Alicentis, o Concello contou con testemuñas de veciños coma Marcos Santos, para quen «camiñar por aquí e dar un paseo pola historia de Galicia».
A ruta ten dificultade baixa e pódese andar por distintos camiños, nalgún caso para pisar territorio de Brión, e todos eles sinalizados nas bifurcacións. Combina tramos de monte ata chegar ao Castro Lupario, co paso pola aldea de Angueira de Castro, quizais a máis fermosa do municipio de Rois, e polas beiras do río Tinto, así como permite coñecer o pazo do Faramello, un dos recursos turísticos máis destacados de Rois.
O alcalde, Ramón Tojo, agarda que esta ruta, xunto coa das Penicias, «sirvan para dar a coñecer, non só entre a veciñanza, senón en toda Galicia, os valores patrimoniais e naturais que atesoura Rois». A sinalización do sendeiro coincide, ademais, coa solicitude que acaba de facer o Concello a Xunta da declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) para o conxunto formado polo Castro Lupario e a aldea de Angueira de Castro.
Un dos puntos de partida da ruta sinalizada está no Xardín do Recordo do pazo do Faramello
Comentarios