«Un ano de pouco mel coma este desanima moito a seguir»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez ROIS / LA VOZ

ROIS

MERCE ARES

José Pardal, apicultor de Rois, ten 250 colmeas en tres provincias

31 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende os 20 anos leva o veciño de Rois José Pardal Carreira, de 34, vinculado ao mundo das abellas, primeiro como afeccionado e, dende hai un par de anos, como profesional rexistrado na Xunta e adherido á Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia. Tras quedar sen traballo e recollendo a tradición do seu pai e o seu avó, que xa tiñan colmeas, Pardal decidiuse a facer profesional e na actualidade ten arredor de 250 enxames repartidos en tres provincias galegas. Acaba de pechar unha campaña «frouxa» ou, máis ben, «mala», recollendo arredor dun 80 % menos de mel que o ano pasado.

O cambio climático, unha floración tardía e ameazas como a avispa velutina e o ácaro varroa están detrás desa diminución que, no seu caso, o obrigou a buscar traballo por conta allea como efectivo da brigada contra incendios do Concello de Rois.

«Un ano como este desanima moito. Cada vez custa máis manter as colmeas e non descarto abandonar todo en calquera momento», asegura José Pardal, que recalca que, «tal e como está isto agora, ten que gustarche moito para continuar». De ter que deixalo, sentiríao moito porque, afirma, a el gústalle estar no campo e a apicultura «é un mundo bonito; as abellas son bichos apasioantes, moi ben organizados, dos que temos moito que aprender».

O ataque das velutinas e da varroa deixáronlle este ano moita mortalidade polo que se viu obrigado a repoboar baixas, o que supón máis gasto e menos ingresos, explica, sen contar que tamén lle tivo que dar alimentación de mantemento ás colmeas, ante a falta de floración. E todo pese a que, segundo afirma, ten enxames nunha zona, a de Rois, que é boa para ese fin.

Pardal vende o mel baixo a marca A Colmea da Aldea, en tendas locais e pequenas froiterías, aínda que este ano non ten para cubrir a demanda. «Chegará ata onde chegue», di. É consciente de que o mel é un produto con demanda e mesmo tamén hai mercado para o que se denomina material vivo, pero el non vende, pero si própole, que se usa como antibiótico natural.

O seu é un «traballo artesanal», de modo que fai a man todo o que pode. «Hai traballo todo o ano, non so é quitar o mel», asegura.