Arte e natureza dan a coñecer Rois no encontro impulsado por Camilo Seira

U. lópez ROIS / LA VOZ

ROIS

MERCE ARES

Na segunda edición desta proposta cultural participaron uns vinte creadores de distintas disciplinas

01 oct 2020 . Actualizado a las 05:10 h.

Crear unha obra no propio lugar e co que a natureza poida dar, neste caso na incomparable carballeira do Bispo, en Seira, no concello de Rois. Esa é a base do Encontro de Arte e Natureza en Seira que, dende hai dous anos, impulsa Camilo Seira, un artista local moi consolidado.

A segunda edición celebrouse con éxito a finais de agosto e participaron uns vinte creadores de distintas disciplinas: escultores, pintores, decoradores, deseñadores de roupa, músicos, un luthier e o propio anfitrión, entre outros. As obras que saíron das súas mans durante o evento, que ten carácter privado, aínda están expostas na carballeira e todas cumpren a premisa básica de partida: «Así como un paxaro fai o seu niño co que atopa no seu entorno, os artistas teñen que facer as súas obras de igual xeito», explica o promotor da cita artística en contacto coa natureza e cos materiais que esta proporciona, como follas, paus, espadanas, landras e mesmo bosta de vaca, este último moi traballado polo propio Camilo Seira.

No evento deste ano volveu a colaborar o colectivo Os Catro Gatos e, por primeira vez, tamén o Concello de Rois, que días atrás organizou con éxito visitas á exposición de obras creadas.

Para o impulsor, o resultado desta edición «foi satisfactorio» polo que aposta por darlle continuidade no futuro, para descubrir «a beleza que está aí», neste caso na carballeira do Bispo, propiedade da familia do artista, que, con 45 anos, leva toda a vida dedicado á creación, dende que aos 16 anos entrou como alumno nun taller de escultura. O encontro tamén pretende evocar o traballo dos antepasados, que eran quen de «sacarlle partido aos materiais que tiñan a súa man, o que lles proporcionaba a natureza e sen xerar residuos», explica Camilo Seira, que ratifica ese mesmo compromiso co medio natural da cita e do seu traballo.