A aldea desaparecida de Rois

Dous veciños da parroquia de Leroño lembran a historia do núcleo Os Roqueiros, despoboado por unha peste de formigas


rois / la voz

Esta é a historia dunha aldea desaparecida do municipio de Rois, contada en base aos recordos de dous veciños da parroquia de Leroño, preto da cal quedan os restos de vivendas de pedra e o peche dun terreo no que se situaba un convento. Os recordos de Paco Neo, de 74 anos, e de María Ares, de 57, non coinciden, en cambio, á hora de situar temporalmente o despoboamento do núcleo a causa dunha peste de formigas, que «invadiron as casas e non puideron combatelas, polo que foron abandonadas», contan ámbolos dous veciños.

A aldea, de nome Os Roqueiros, en alusión a que os habitantes se dedicaban a afiar o liño coa roca segundo conta Paco Neo, estaba situada no antigo Camiño Real, que foi a principal vía de comunicación entre Padrón e Noia e do que actualmente apenas queda o rastro, alomenos nesta zona de Rois.

En pe quedan as pedras dalgunhas vivendas que, segundo os dous veciños, deberon ser «moi cativas». Ambos pensan que faltan moitas pedras das casas e, como di Paco Neo, «sabe Deus para que as levaron».

Nos restos apenas se percibe a forma dunha vivenda polo que este veciño cre que o despoboamento pode remontarse a varios séculos atrás. Non obstante, esta opinión contrasta cos recordos que ten María Ares do que lle contou súa nai, nada no 1919 e que, cando tiña tres ou catro anos, o seu avó Ciprián Manteiga acolleu na súa casa dous nenos orfos da aldea que se viron obrigados a abandonar.

Cando foron mozos, quixeron emigrar e Ciprián Manteiga pagoulles a viaxe a Arxentina. Uns netos deses nenos orfos regresaron unha vez a Leroño, segundo conta María Ares. Pero Paco Neo é escéptico e di que «da maneira que está todo destruído non concorda con que o despoboamento sexa tan recente e aí está a dúbida». De feito, o veciño explica que cando el tería uns sete anos, hai uns 68, «viña con meu pai e coas vacas e todo isto xa estaba así».

Xunto coas casas, queda en pe o muro de peche dunha finca denominada A Cerca, na que había un convento con frades, do que tamén seguen en pé algunha parede. As fincas están cheas de maleza, pero chama atención como esas paredes de pedras, construídas con xunta seca, non teñen practicamente nin unha herba.

«Mira que traballaban ben antes», di Paco Neo que para chegar a aldea e, sobre todo, á zona do convento abre o camiño cun fouciño. Os seus recordos proceden dun veciño da aldea xa falecido, Aurelio, que era da mesma familia que un dos frades que estiveron no convento e que, segundo o seu relato, marcharon para o mosteiro franciscano de Herbón. Non obstante, este último dato tampouco está confirmado.

Na zona quedan restos tamén dunha capela, construída á beira do Camiño Real, no que tamén houbo antigamente unha taberna e un cruceiro. Da capela consérvase a imaxe dunha santa, que foi recuperada e colocada noutro lugar de Leroño, con parte das pedras da capela. Os dous veciños lembran que está alí dende sempre.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

A aldea desaparecida de Rois