Pere Tobaruela: «A novela reflexiona sobre o que nos rodea»

La Voz

ROIS

RAFA MILLARES

O escritor afincado en Rois sitúa a África como pano de fondo do seu libro «En branco e negro»

24 may 2018 . Actualizado a las 04:55 h.

O escritor afincando en Rois Pere Tobaruela (Barcelona, 1965) presentou onte en Santiago a súa nova novela, En branco e negro, na que a protagonista é Sara Martí, unha xornalista que se nega a aceptar a realidade tal como é.

-Na novela introduce algúns dos conflitos dos últimos anos, como o exterminio nazi, a guerra dos Balcáns ou as represalias do réxime ditatorial en Guinea Ecuatorial.

-A protagonista, unha xornalista, a partir das súas propias vivencias e dos artigos que lle fan escribir, intenta reflectir todo o que a rodea. Chega un momento que ela di: «Todo o que escribo é sobre a dor do mundo». O que pretendo é facer unha reflexión sobre todo o que nos rodea, tanto a nivel xeral como particular. Así, están tamén as agresións ás mulleres Ademais, teño un gran interese nesta novela en África. Para min, África é o pano de fondo porque se aborda o proceso de independencia de Guinea Ecuatorial.

-Pero non todo é dor, tamén deixa espazo á esperanza.

-Si, sempre hai un lugar para esperanza. A protagonista fai o percorrido. Vive unha historia de amor tormentosa da que sae para adiante. Sempre pensa que hai esperanza, é o seu motor de vida. É unha novela para reflexionar sobre o que está pasando e, a partir de aí, intentar mudalo porque hai esperanza de mudalo.

-Vostede fixo colaboracións en revistas e xornais. ¿Por qué elixiu unha xornalista como protagonista?

-O escritor non escribe nada máis ca do que sabe. Entón, durante un tempo practiquei moito o xornalismo. Todas as historias que saen é porque entrevistei ou coñecín a xente que mas transmitiron. Entón, eu son Sara e Sara son eu. Nun momento dado tamén fago unha análise de cara a onde vai o xornalismo.

-¿Esa falta de aceptación do que sucede por parte da protagonista ten algo que ver coa posverdade?

-Non necesariamente. Vincúloo máis coa miña propia implicación de intentar cambiar as cousas que non me gustan. Creo que os escritores estamos obrigados a facer reflexionar sobre cousas que non gustan para ver se entre todos somos capaces de cambialas.

-É un cambio respecto a súa última novela, «Catro pedras vellas», dedicada ao público infantil. Vai mesturando.

-Transito entre a novela infantil e a novela para adultos. Necesito ir cambiando e agradezo o apoio de Baía Edicións.

-¿Ten xa algún novo libro entre mans?

-Si, teño xa varias obras. As inminentes son dúas infantís. Unha será da saga Formigas e estará ambientada en Santiago.