A rotura da presa deixa a unha aldea de Rois sen poder moer no seu muíño de auga

Uxía López Rodríguez
uxía lópez ROIS / LA VOZ

ROIS

MERCE ARES

Os veciños de Carrais piden ao Concello que se encargue do arranxo para poder volver a moer o millo

14 abr 2018 . Actualizado a las 05:10 h.

«Moera máis ou moera menos, o muíño nunca estivo parado». Ata agora. Hai varias semanas que os veciños da aldea de Carrais, na parroquia de Herbogo, en Rois, non poden moer o millo nun dos antigos muíños de auga do lugar que aínda está en funcionamento. A rotura da presa de auga da que se serve o muíño, situado a carón do río Baleirón, impide o seu uso.

Os veciños xa consideraron a posibilidade de facer eles mesmos o arranxo da presa, como noutras ocasións, pero recoñecen que esta vez «hai moito traballo», en alusión ao burato que se abriu no canal que leva a auga o cal fai funcionar o muíño, debido quizais á cantidade que hai con tanta choiva. Por iso, piden a axuda do Concello de Rois para poder seguir moendo o millo e ter fariña para os seus animais, e incluso para consumo propio.

Tamén o grupo Xente de Rois formulou un rogo ao goberno local para que atenda esta demanda. Un dos veciños de Carrais, de 71 anos, é o único que usa o muíño a diario para dispor de fariña para as súas ovellas, porcos e galiñas. Ao romper a presa de auga e estar o muíño parado, «teño o millo no hórreo e vou comprar a fariña», lamenta este afectado.

Ademais, hai outros veciños que tamén usan o muíño porque lles gusta máis a fariña que sacan del que do seu propio, sobre todo cando é para facer unha empanada ou as filloas. «A fariña sabe diferente», asegura rotunda unha veciña de Carrais.

Na actualidade, a titularidade deste muíño de auga pertence a uns 25 veciños, desta aldea e doutras próximas. Antigamente organizábanse en quendas para usalo e aínda hoxe hai unha veciña que conta que o seu pai, antes de morrer, lle mandou anotar os días que tiña dereito de uso. «Aquí moes como que queiras: fariña para os animais, picón, óleo...», di outra muller da aldea, que confesa que «a min gústame que se moia nel». «É unha pena deixalo pasar e abandonalo porque logo non se volve a recuperar», engade outra.

Por iso, esperan que o Concello de Rois se encargue da reparación da presa para o que, seguramente, será preciso que baixe o nivel del auga. De non ser así, os veciños din que «algo pensado xa temos para reparala». Nesta zona, ao longo do río Baleirón, hai oito muíños, seis no tramo de Carrais, restaurados nos tempos da Fundación Pro-Patrimonio de Rois, aínda que non todos teñen uso.