«Os carteiros non van desaparecer porque xa non haxa cartas persoais»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez ROIS / LA VOZ

ROIS

MERCE ARES

Esta profesional constata a evolución do servizo, pasando das misivas aos paquetes

20 oct 2017 . Actualizado a las 10:02 h.

«Os carteiros non van desaparecer». Quen o di sabe moito desta profesión xa que María del Carmen Rey Arufe, de 54 anos, empezou a repartir cartas con 18, na súa vila natal de Noia, con contratos de verán ou vacacións ao tempo que sacaba a licenciatura en Pedagoxía. Dende hai uns dez anos é a carteira de Rois, concello no que casou e reside dende hai 21 anos. Ela reparte a correspondencia nas parroquias de Rois, Oín, Seira e Herbogo, cubrindo unha distancia no papel de 55 quilómetros pero, di, «reais son máis» e prestando servizo a unhas 400 vivendas.

Nestes anos, o reparto cambiou moito e mesmo se adaptou aos novos tempos, segundo explica esta profesional. Así, as cartas persoais, escritas a man, «prácticamente desapareceron», segundo conta. O que queda é correo comercial e este tamén tende a ir a menos porque as empresas loitan por instaurar a factura e a tramitación electrónica, engade a carteira. «Segue habendo moita correspondencia comercial, pero baixou». Fíxoo porque, explica, antes unha entidade bancaria enviaba un recibo por carta e «era un descontrol», mentres que agora os agrupa por envío.

A crise, ademais, fixo aflorar outro tipo de correo, as certificacións de Facenda ou da Deputación, pero agora o forte de Correos é, segundo conta esta profesional, o envío de paquetería e Rois non queda a marxe, incluída a devolución de produtos.

Atrás quedan aqueles tempos do reparto de cartas persoais, cando Carmen Rey aprobou a oposición no ano 1997. «Miña nai foi carteira e eu vin a posibilidade de entrar e fíxeno», pese a que tiña a carreira acabada e «sempre me gustou a ensinanza», pero «non tiña traballo e xa coñecía Correos».

Desde 1998 ten praza fixa e o seu primeiro destino foi a parroquia de Carcacía, en Padrón. Cos anos foise achegando a casa e, tras pasar por Lestrove, en Dodro, acabou na súa parroquia. «Agora coñezo a todo o mundo pero ao principio paseino mal, peor que en ningún lado, porque eu son veciña e, por tanto, dan por feito que teño que coñecer a todo o mundo», aínda que non sexa así, afirma. Ademais, conta, «no rural o reparto é todo a base de memoria; as direccións estaban fatal, as casas non tiñan buzón nin número; estaba todo un pouco abandonado».

Pasada esa etapa inicial, Carmen Rey declárase «moi contenta» co seu traballo xa que, di, «eu son moi faladora e encántame o trato coa xente; procuro servir o mellor posible, como así me gusta que me sirvan a min». Tamén recoñece que, se pode, lle facilita o servizo aos veciños, a costa de «pasar moitos traballiños e de poñerlle horas enriba a miña xornada, pero sempre trato de buscar unha solución e de contentar ao usuario», explica.

Como exemplo pon a entrega dunha carta ou paquete certificado que, se non está o destinatario na casa, volve de segunda ou llo leva ao día seguinte para non facelo ir a Padrón a recollelo a oficina de Correos desa vila, da que depende a cartería de Rois e a de Dodro.

Cando deixou o servizo en Lestrove para ir a Rois, moitos lle dixeron a Carmen que «ninguén é profeta na súa terra, pero eu si pretendo selo a base de servir a xente pero é certo que, ao ser a túa terra, tes que fíar fino», asegura. Ademais do reparto ten que atender a oficina de Rois. A súa xornada comeza as sete e media da mañá na oficina de Padrón, onde fan a separación do correo dos tres concellos do Sar. Sobre as nove e media vai para Rois, para atender o horario da oficina e comezar o reparto diario. «Eu estou moi contenta co meu traballo», di e engade tamén que «foi o único que coñecín».

Vivendas. Carmen Rey presta o servizo a unhas 400 casas de catro parroquias de Rois. A última en incorporar foi a de Herbogo.

Memoria. A carteira explica que, no rural, o reparto se fai en base ao que se acorda o carteiro, ao haber casas sen número ou buzón.