Pere Tobaruela: «Quería escribir de aquí, do que eu vivo, de Rois»

ROIS

MERCE ARES

O autor catalán, afincado neste concello dende hai tempo, ambienta a historia en Vilar de Abade

28 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Catro pedras vellas é o título da nova novela infantil de Pere Tobaruela, escritor catalán afincado en Rois dende hai máis dunha década, un lugar que agora está moi presente na temática da súa escritura ata o punto de que o seu último libro está ambientado neste municipio e «xa está poñendo a Rois no mapa», segundo di o seu autor.

A novela foi presentada onte nun acto celebrado no Centro Público Plurilingüe Integrado (CPPI ) de Os Dices, coa presenza do autor e da directora da editorial que publica o libro, Belén López de Baía Edicións. Na mesa tamén estaba Andrea Castaño, exalumna do colexio, que foi a encargada de falar da novela, por desexo expreso do autor de «darlle voz aos lectores e a xente nova».

A historia de Catro pedras vellas está localizada na bisbarra de Vilar de Abade, un núcleo que existe de verdade e no que se desenvolven as primeiras aventuras de Xela e tres amigos, Fuco, Carlos e Ana, que tratarán de resolver un enigma en torno a un castro. A novela, coa que Pere Tobaruela inicia a súa andaina editorial en Baía Edicións, está dedicada a Rois e a Alfredo Morono, un veciño do lugar do que o autor sacou o fío da historia, a raíz dunha conversa.

O resultado é unha obra da que Pere Tobaruela se declara «contentísimo» e coa que se «divertiu moitísimo» á hora de escribila, sobre todo porque «tiña moitas ganas de escribir de aquí, do que eu vivo, de Rois» e de dalo a coñecer, explica. Neste sentido, a obra reflicte o «compromiso» do autor «co que vivo» e cunha máxima da que falou onte no acto de presentación: coñecer, amar e respectar.

A novela podería dar pé a creación dun roteiro por Rois con tres paradas: a propia aldea de Vilar de Abade, o río Sar que pasa pola zona e o núcleo de Vilar de Castro. Inmerso na serie de Formigas, a última entrega con parada en Santiago, Pere Tobaruela non descarta que as personaxes de Catro pedras vellas sigan coñecendo o mundo, empezando polo territorio máis próximo e, de Rois, pasen nunha seguinte entrega a comarca do Barbanza, todo coa idea de que é mellor «velo e vivilo de preto» que facelo nunha pantalla dalgún medio audiovisual, como soe pasar moito hoxe en día.