Belén Abal Martínez: «Gustaríame chegar a competir lonxe, en lugares como Dubái»
PADRÓN
Con 15 anos, a amazona de Padrón xa competiu a nivel nacional quedando terceira no concurso morfolóxico de cabalos de pura raza árabe
09 ago 2026 . Actualizado a las 20:44 h.Con 3 anos empezou a montar a cabalo e, agora, con 15, Belén Abal Martínez xa competiu a nivel nacional quedando terceira no concurso morfolóxico de animais de pura raza árabe. Á moza de Padrón venlle de familia a súa paixón polos cabalos, concretamente da parte materna, xa que na casa do seu avó en Carracedo, no concello de Caldas, «sempre houbo cabalos», segundo conta a súa nai, Eva, que tamén seguiu coa tradición e mesmo lla contaxiou ao seu home e pai da amazonas, José Manuel.
«A min xa me empezaron a subir nos cabalos de moi pequeniña», conta a amazona, que empezou a acompañar ao seu pai aos concursos morfolóxicos da contorna e así foi como empezou neste mundo. Na actualidade na súa casa hai tres exemplares de pura raza árabe: Mar Enma, coa que compite a rapaza; J.A. Pyndiña e BA Júpiter, filla e neto, respectivamente, da primeira. Mar Enma está con eles dende que tiña catro meses e dende antes de que nacera Belén, que este ano, e os dous anteriores, conseguiu con esta egua o premio da Semana Verde de Silleda ao mellor exemplar nado en Galicia.
A nivel nacional, a veciña de Padrón sae á pista e compite con profesionais que lle «dobran ou triplican a idade» e, sendo, moitas veces a única muller, segundo conta a nai. «Alí a onde vai, chama a atención por ser moi nova, pero o certo é que a fan sentir moi acollida e arroupada e tamén a animan a que non deixe o mundo dos cabalos e que loite para estar aí», explica Eva, ao tempo que a filla o confirma.
Fóra de Galicia, de momento, competiu en Córdoba e en Asturias. «Gustaríame ser profesional e competir máis lonxe, en lugares como Dubái», recoñece a amazona. O vindeiro curso estudará cuarto de Educación Secundaria e, de cara ao futuro, gustaríalle facer a carreira de Veterinaria, ao tempo que está «moi decidida» a continuar coa súa afección, a pesar de que xa levou algunha decepción, segundo confesa. «A veces sinto que traballo moito e non paso do terceiro posto», conta en alusión a súa posición no campionato nacional, como se ese mérito fose pouca cousa a súa idade.
Con 15 anos, a moza encárgase ela mesma do coidado dos animais, coa axuda do pai. Procura montar a diario a Mar Enma e empezou xa tamén a facelo coa filla, sempre pola contorna do terreo no que están as eguas. «Non me quita tempo porque me gusta facelo», sinala Belén, quen é consciente de que a súa é unha afección con moito custe. Aínda así, súa nai recoñece o «orgullo» que senten ela e máis o pai ao ver á moza na pista. «É emocionante vela e máis porque é a única dos netos que segue coa tradición», sen contar que «vas por aí e ves que non hai quen siga con isto; todos os que compiten con ela son xente adulta», conclúe Eva.