A Horta que alimenta ao barrio que máis medrou de Santiago

Por Irene Martín e Rubén Nieves

PADRÓN

Mariluz Castiñeiras e Carlos Silvoso cumpren 25 anos na popular froitería, e queren botar un cuarto de século máis

18 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A Horta naceu nunha alborada de abril de hai vintecinco anos e axiña se converteu nunha veciña imprescindible de Santa Marta, barrio que crecía e crecía cara abaixo desde a igrexa parroquial. A tenda, que atenden Mariluz Castiñeiras e Carlos Silvoso, abría en plena estrada xeral de Padrón, cando apenas subían por ela peregrinas e peregrinos; pero daquela aterraban na zona unha morea de novos residentes, moitos procedentes de pisos do Ensanche. Novas vidas adultas e cativas nos albores do século XXI que conformarían os clientes da emerxente froitería, ademais da veciñanza tradicional. «Sempre veñen a mercar máis as mulleres, pero nos últimos anos nótase un aumento dos homes», apunta Mariluz, que sinala o «trato próximo e a calidade da mercadoría» como o que máis valora o seu público «fiel», que en moitos casos acode á tenda en máis dunha ocasión á semana. Ela e o home, naturais de Vedra aínda que el naceu no País Vasco, érguense ás cinco e media da mañá para ir ao almacén que teñen en Montouto e abrir as portas ás nove e media, xa con toda a froita, as verduras e as legumes colocadas con xeito. É tempo de cereixas que, malia ser caras, se venden ben: «A cereixa é unha froita moi rica que gusta, pero son de temporada curta. Creo que iso anima á xente a mercalas. Agora hai froita de óso, moi típica do verán», segundo comenta a tendeira, que é unha muller doce e tranquila. Xunto con Carlos, aparellador que nunca chegou a exercer, forman unha parella sempre cordial coa clientela. Fan un horario comercial amplo, sábados incluídos, que o pouco tempo que lles queda dedícano a pasear. A tenda de Mariluz e Carlos é un deses comercios de barrio tan necesarios na comunidade que cómpre celebrar a súa permanencia durante tantos anos, un negocio que non falla, que cumpre o horario anunciado e que che pregunta pola xente da túa casa, e mesmo por como che vai o traballo, a vida... Son detalles tan miúdos como esenciais que che alegran o día. Eles din estar «moi felices» e esperan botar outros vinte e cinco anos para gozo de calquera que teña a sorte de entrar a mercar na Horta, un establecemento que veu como se urbanizaba toda a zona en derredor. As casiñas baixas e características da Choupana quedaron semiocultas polos elevados edificios que se prolongaron ata o Hospital Clínico, cuxa actividade asistencial se iniciou uns meses antes de estrear o 2000, o ano no que se prognosticaba un cataclismo e non pasou nada; ata vinte anos despois en que chegou a pandemia de infausta lembranza. O barrio medrou ben, e tamén aumentaron os peregrinos que non deixan de pasar como corpos efémeros, pero Mariluz e Carlos permanecen coa súa amabilidade de sempre. E que sexa por moitos anos!