Mondra, Kid Mount e XMaseda encabezan o cartel musical organizado polo Concello, que mantén o derbi asnal do 24 de xullo
10 jul 2026 . Actualizado a las 16:23 h.O Concello de Padrón aposta polo talento galego na celebración das festas do Santiaguiño do Monte, que presentaron hoxe o alcalde Anxo Arca e a concelleira de Festexos, Chus Campos. O III Festival Ultreia volverá ser un dos grandes atractivos das festas, que se celebran do 17 ao 25 de xullo. O festival reunirá artistas que representan o dinamismo da música galega contemporánea. Deste xeito, o sábado 18 actuarán XMaseda e Kid Mount, dous nomes emerxentes da escena urbana de Galicia. A programación musical culminará o venres 24 coa actuación de Mondra, unha das figuras máis recoñecidas do panorama musical galego, que chegará a Padrón coa súa xira A Ronda.
Xunto a esta aposta pola creación musical galega, o programa inclúe unha ampla oferta de actividades para todas as idades: o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona; teatro co Centro Dramático Galego; maxia co Mago Antón; circo con Antuán de la Cream; contacontos; espectáculos de rúa; a actuación do grupo folclórico Rosalía de Castro, a festa infantil con inchables e escuma e o tradicional gran derbi asnal. O Concello mantén esta última cita despois da enquisa celebrada o ano pasado, na que o 68,4 % das 408 persoas entrevistadas manifestaron que debía seguir celebrándose. Ademais, o 62,6 % consideraron que a carreira de burros non podía ser cualificada como unha forma de maltrato animal.
Ao igual que o ano pasado, a carreira será no Paseo do Espolón. O día grande das festas chegará o 25 de xullo coa romaría no monte Santiaguiño. A procesión co santo dende o casco urbano; as misas na capela; a popular sardiñada con reparto gratuíto de cachelos, pan de millo e bolos preñados; as actuacións dos grupos folclóricos e as actividades para os máis pequenos volverán converter esta celebración nun dos grandes encontros populares do verán galego. O Concello habilitará, ademais, un servizo de transporte adaptado para facilitar a subida ao monte.
Durante a presentación das festas, Anxo Arca destacou que «o Santiaguiño do Monte é unha celebración que representa a identidade de Padrón e que combina como poucas citas a forza das nosas tradicións cunha programación cultural de primeiro nivel». Pola súa banda, Chus Campos puxo en valor unha programación «diversa, participativa e pensada para que veciñanza e visitantes gocen dunha semana de festa na que a música galega ten un protagonismo especial».