A cita é en Padrón o domingo 12 e terá como protagonistas a De Vacas, o Coro da Ra, Federico Pérez Rey, Manuel Rivas, Anxos Sumai e Pepe Barro, entre outros
01 jul 2026 . Actualizado a las 23:27 h.A Fundación Rosalía de Castro presentou esta mañá o programa do seu festival Abride a Fiestra, que se celebrará o domingo 12 de xuño na Casa de A Matanza, en Padrón. Unha edición máis, a cita, de carácter familiar, inclúe unha feira rosaliana, xogos tradicionais durante todo o día e Rosalía e mais Murguía a pasear polo Xardín da casa. A imaxe do cartel do festival deste ano amosa ao matrimonio agardando polo eclipse que gozará Galicia en agosto.
Así, o evento acollerá diferentes manifestacións culturais tendo a Rosalía como figura central. Entre os protagonistas musicais temos a De Vacas, Coro da Ra, Pecha a Cansela e Cé Orquestra Pantasma para os nenos; o cómico Federico Pérez Rey; os escritores Manuel Rivas e Anxos Sumai; e o deseñador Pepe Barro, entre outros.
A programación foi presentada esta mañá en rolda de prensa na propia Casa-Museo, na que participaron Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía; Natividade González, responsable de Cultura da Deputación da Coruña; Anxo Arca, alcalde de Padrón; e Valentín García, secretario xeral de Lingua.
Nunha xornada de portas abertas de once da mañá ata as once da noite o Xardín, a Casa-Museo e o auditorio acollerán máis de vinte actividades. Na Horta terán lugar os concertos de De Vacas, Coro da Ra (patrocinados por Paco&Lola), Pecha a Cansela e Cé Orquestra Pantasma ou o contacontos Federico Pérez Rey, ademais da charla sobre o eclipse e o obradoiro de construción de caixas para ver eclipses impartido por Martin Pawley.
Para os máis pequenos, co patrocinio de Deleite, haberá xogos populares, un concerto de Cé Orquestra Pantasma, a contacontos Inma Soto con Xela a superheroína da aldea e unha visita guiada con xogos didácticos O sombreiro de Murga da man de Rita Bugallo.
Na propia Casa-Museo tamén haberá visitas guiadas por persoeiros, como a profesora Carme Hermida, Martin Pawley e o escritor Manuel Lorenzo Baleirón; ademais de Miguel Lois, que a realizará sobre o reformado Xardín de Rosalía. No Auditorio haberá varias actividades literarias: Manuel Rivas presentará coa xornalista Ana G. Liste a súa última novela, Tras do ceo; Pilar García Negro e Xosé Luís Axeitos presentarán o número 10 da revista Follas Novas de estudos rosalianos; a escritora Anxos Sumai presenta nunha conversa con Carme Vidal o seu novo libro, A nena de xeo; e Pepe Barro fará o propio co seu último traballo que reúne o total da súa traxectoria como o máis referencial dos deseñadores galegos, O libro de Barro.
Ademais haberá unha cata de viños auspiciada pola adega Paco & Lola. Tamén haberá posibilidade de xantar na propia Horta da Casa da Matanza, que estará amenizado polo DJ Peter Sélek. Como un dos obxectivos do festival é promover o talento emerxente local, haberá varios artistas da comarca: desde a banda de Dodro Pecha a Cansela ata a fotógrafa de Pontecesures Icía García, que presenta a mostra “Contrarreloxo”, pasando pola escritora de Catoira Anxos Sumai.