A praza de Mazarelos acollerá catro actuacións a partir das 20.30 horas
27 jun 2026 . Actualizado a las 04:50 h.Os actos con motivo do Día do Orgullo sucédense esta fin de semana en Santiago e a súa contorna. A capital galega acolle este sábado a Gala do Orgullo a partir das 20.30 horas coas actuacións musicais de O Xoán e Pídechas o Corpo, ademais da drag Amanda Carallo e Meiga-i. Este acto de referencia da programación do Mes do Orgullo tamén contará coa entrega de premios do certame de poesía de Avante.
A nivel institucional, onte o Concello acolleu unha declaración na que reafirmou o seu compromiso coa defensa das políticas con perspectiva LGTBIQ+. A rexedora, Goretti Sanmartín, incidiu no compromiso institucional «coas persoas e co colectivo na defensa do seu dereito a vivirmos en diversidade». A continuación leron cinco representantes da corporación: Mercedes Rosón (non adscrita), Marta Abal (PSOE), Borja Rubio (PP), María Rozas (Compostela Aberta) e Míriam Louzao (BNG). «Queremos mostrar unha única posición ás persoas do colectivo LGTBIQ+, e calquera risco de vulnerabilidade: sodes veciñas e veciños do noso concello e teredes o máximo apoio da administración local na loita a prol dos dereitos e do recoñecemento da diversidade. O Concello de Santiago de Compostela non dará pasos atrás», conclúe o comunicado institucional. Antes, alumnado dos institutos Antón Fraguas, Rosalía e do Sar leu uns poemas.
Ames continúa hoxe coas actividades do Día do Orgullo cun obradoiro a partir das 20 horas no Paseo da Igualdade do Milladoiro. Despois, ás 22 horas, comezará o xogo «Símbolos na noite escura» para o que é preciso inscrición previa. Está destinado a maiores de 13 anos.
En Teo, o protagonista será Mondra, que ofrecerá un concerto ás 22 horas na explanada da Casa Común de Oza. O artista teense presentará o seu espectáculo «De ronda». A entrada é de balde.
O domingo será a quenda do Día do Orgullo en Padrón. As actividades comezarán ás 11 horas na praza de Macías cun obradoiro de maquillaxe da man de Meiga-i. Ao mediodía tomará o relevo unha representación de Migallas Teatro. Despois da lectura do manifesto previsto ás 13 horas, Broken Peach poñerá o peche musical.
A Cidade da Cultura tamén se suma ao Día do Orgullo cunha visita especial comentada ás 17 horas á exposición «As estacións do ano». Deste xeito, centrarase naquelas pezas e artistas con perspectivas ou lecturas ligadas ao colectivo LGTBI.